fbpx
Excavación no Castro da Cabeciña, dentro do proxecto Costa dos Castros / costadoscastros.com

A Costa dos castros inicia a súa segunda campaña arqueolóxica

Tempo de lectura: 3 min.

A arqueoloxía volve, novamente, a Oia. O proxecto da Asociación Costa dos Castros (ACdC) continuará unha temporada máis cunha segunda campaña de escavación no castro de Chavella. Posteriormente, o equipo trasladarase despois a Inglaterra, como parte da colaboración coa plataforma DigVentures.O programa de actividades comeza o próximo 7 de maio coa Festa da Cervexa da Cabeciña, en Mougás. “Unha xornada de troula e exaltación do Patrimonio,” segundo apuntou Venancio Miniño, presidente da C.MM. de Mougás. Ao longo do día haberá actividades para todas as idades nas inmediacións do conxunto arqueolóxico de A Cabeciña.

O segundo fito será a segunda campaña de escavación no castro de Chavella en Santa María de Oia, que comezará a partir do 10 de maio aproximadamente e cun mes de duración. Esta segunda campaña preséntase moi interesante, pois o ano pasado os resultados foron moi sorprendentes, cun aparente baleiro de ocupación nun castro cunhas grandes murallas. “Non ten sentido que fixeran esas defensas monumentais para logo non vivir dentro… Agardamos saír de dúbidas este ano,” sinalou, durante a presentación, Costas Goberna, representante da C.MM. de Sta. María de Oia.

Ademais, a campaña irá acompañada dun ciclo de barferencias e a escavación estará aberta ás visitas, incluso escavándose durante as fins de semana para facilitar que os veciños e visitantes poidan achegarse.

No mes de xuño parte do equipo irá a escavar a Inglaterra xunto aos compañeiros de DigVentures como froito da colaboración entre proxectos. Será na illa de Lindisfarne, famosa por ser escenario da primeira razzia viquinga.

Mentres, no Concello de Oia, celebrarase o Festival Folk Costa dos Castros que será producido por Xoán Lois Vila do Minhoreggae. O cartel está aínda por pechar e se presentará nas próximas datas.

As actividades para o ano 2016 serán financiadas con aportacións das Comunidades de Montes implicadas, unha partida aprobada polo Concello de Oia, as aportacións económicas de establecementos locais e de empresas da zona como a adega Terras Gauda, Gadis ou Hifas da Terra. A isto engádese o resultante da campaña de micromecenado posta en marcha na plataforma británica DigVentures, e que xa está no 45% recadado (4.325 €).

Presentación programa Costa dos Castros 2016 no Centro Cultural de Pedornes

Presentación programa Costa dos Castros 2016 no Centro Cultural de Pedornes

Presentación

O pasado venres 22 presentouse no Centro Cultural de Pedornes (Oia) a programación de Costa dos Castros para 2016. No acto participaron Manuel Ángel Pombal, vicepresidente da Asociación Costa dos Castros; Guadalupe Jiménez-Esquinas representando ao Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC; Javier Calvo, concelleiro de Sanidade en Oia e Xosé Gago, coordinador do proxecto.

Tamén asistiron representantes dos concellos limítrofes, xa que como comentou Gago, “debemos empezar a concibir un proxecto integral para a zona e crear un xeodestino atractivo que aumente a duración e a calidade das estancias turísticas”.

“Os modelos de financiamento clásicos para a arqueoloxía e este tipo de proxectos xa non funcionan. Un dos atractivos de Costa dos Castros para o Incipit é precisamente o ter atopado novas formas de financiarse,” sinalou a antropóloga Jiménez-Esquinas.

Como novidade deste ano respecto ao 2015, cando arrancou o proxecto Costa dos Castros, está a incorporación de dúas Comunidades de Montes máis, as de Burgueira e Loureza. “Alégranos moito que se incorporen estas novas Comunidades. De inicio faremos unha ruta en cada unha delas, e pouco a pouco iremos vendo as necesidades,” suliñou Pombal.

O verán para o turismo

Durante os meses de xullo, agosto e setembro, a ACdC desenvolverá a súa estratexia turística para dinamizar a zona – segundo Gago, o gran reto neste 2016. “Non faremos escavacións nestes meses precisamente para deixalos libres para visitas guiadas e explotación turística”.

Durante eses meses haberá visitas guiadas diarias e gratuítas a elementos como o castro da Cabeciña ou o Mosteiro de Oia e o barrio do Arrabal, e nas fins de semana visitas nocturnas a petróglifos da zona. “Trátase de estandarizar as visitas guiadas, que haxa uns horarios fixos e de referencia e que os establecementos e oficinas de turismo da zona poidan dar esa información”.

Por outra banda, os establecementos colaboradores co proxecto poderán solicitar para os seus clientes visitas fóra das programadas, tamén de xeito gratuíto. “Un hotel ou unha adega colaboradora pode chamarnos e solicitar un servicio específico para os seus clientes,” explica Gago.

Pode que che interese...