fbpx
O Instituto Lucus Augusti, en Lugo, ten escudos franquistas / páxínasamarelas.com

Acordan retirar os símbolos franquistas dun instituto de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Trátase de escudos franquistas que se atopan en dependencias do IES Lucus Augusti e da súa capela.O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición non de lei do grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) na que solicitaba a retirada dos símbolos franquistas do IES Lucus Augusti de Lugo, incluíndo os escudos preconstitucionais, así como a capela católica existente na sala de profesores do centro.

O IES Lucus Augusti mantiña dous símbolos da ditadura franquista, concretamente, un escudo preconstitucional de pedra situado na fachada, xusto enriba da entrada principal e un escudo preconstitucional situado no vestíbulo, formando parte dunha vidreira de grandes dimensións.

Ramón Vázquez valorou o mantemento destes símbolos fascistas nun centro de ensino público, 35 anos despois de aprobada a actual Constitución, coma “un símbolo da carencia de conviccións democráticas amosada polo bipartidismo nestes anos e unha alegoría das causas que levan á caída do réxime emanado da Transición”.

O Lucus Augusti é un instituto de ensino secundario de referencia para toda a provincia de Lugo, de feito, forma parte do Proxecto Arce de Institutos Históricos dende o ano 2009 e constitúe un dos cinco Institutos Históricos de Galicia do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Nel estudaron ou exerceron docencia persoeiros tan relevantes como os científicos os científicos Francisco Bernis ou García Rodeja e escritores como Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel, Ánxel Fole, Antón Fraguas, Alonso Montero ou Manuel María. Cada ano estudan neste centro público centos de rapaces e rapazas recibindo unha formación que, ademais de contidos e saberes científicos, inclúe valores e actitudes propios dunha sociedade democrática, o que resulta absolutamente contraditorio coa presenza de símbolos fascistas.

“O alumnos do IES Lucus Augusti e as súas familias, teñen dereito a acudir a un centro de ensino público onde se respecte a legalidade vixente, se cumpra a Lei de Memoria Histórica e se acepten os valores democráticos mais elementais” afirmou Ramón Vázquez quen engadiu que “ninguén imaxinaria nun edifico publico de Alemaña, a permanencia de símbolos nazis, moito menos en centros de ensino ou universidades”.

Pode que che interese...