Un grupo de xente visita as escavacións do castro da Cabeciña, en Oia

Costa dos Castros abre o segundo crowdfunding arqueolóxico de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Catro Comunidades de Montes da costa sur de Galicia esperan recadar 10.000 euros para dinamizar as súas veciñanzas nun proxecto que servirá para continuar coas intervencións arqueolóxicas nun castro e en petróglifos da zona.

Asociación Costa dos Castros – unha unión de catro Comunidades de Montes do Concello de Oia – lanza a súa segunda campaña de micromecenado para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e natural da costa sur de Galicia.A campaña realízase a través da plataforma británica DigVentures, especializada en crowdfunding arqueolóxico. Desde que lanzou fai case dúas semanas a campaña a nivel anglosaxón, xa se recadaron 1.246€, un 13% do obxectivo.

En 2015, a campaña de Costa dos Castros, o primeiro micromecenado arqueolóxico de Galicia, conseguiu o cento por cento do obxectivo, máis de 10.000€. Nesta segunda campaña, tras o seu lanzamento tamén para o público galego e español, espera conseguir outros 10.000€ co fin de protexer e promocionar o patrimonio da zona.

Esta iniciativa das Comunidades de Montes de Mougás, Pedornes, Viladesuso e Santa María de Oia tamén recibe o apoio do Concello de Oia, hostaleiros locais e empresas como Gadis. Pero a súa aposta é ambiciosa e os seus fondos, limitados, polo que buscan a colaboración de persoas de todo o mundo interesadas na arqueoloxía e comprometidas co desenvolvemento rural.

Investigando o pasado de Costa dos Castros

A recadación do micromecenado destinarase principalmente a axudar á Asociación Costa dos Castros (ACdC) a financiar unha nova intervención arqueolóxica no castro da Cabeciña (Mougás, Oia). Previas intervencións neste castro revelaron un xacemento densamente poboado e con varias fases de ocupación ao longo da Idade do Ferro.

En outubro deste ano, a ACdC proponse financiar a escavación dunha nova cabana que os arqueólogos destaparon parcialmente na intervención de 2015.  “Esta cabana parece complementar varias cabanas que xa escavamos o ano pasado, coma se formasen una mesma unidade familiar. Escavala axudaranos a comprender mellor o castro e como vivían os seus habitantes” explica Carlos Otero, director arqueolóxico.

Durante a escavación, vaise implantar unha escola de campo na que os participantes poden aprender dunha forma práctica técnicas de arqueoloxía: como escavar, como identificar e manipular os obxectos que se atopen, a creación de modelos 3D, o rexistro arqueolóxico…

Esta iniciativa conta coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) e DigVentures (a única escola de campo acreditada polo Chartered Institute for Archaeologists) .

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: