Fronteira entre Galicia e Portugal | Fonte: 3.bp.

Galicia e o Norte de Portugal deseñan un roteiro común para promocionar o seu patrimonio

Universidades, organismos, asociacións e concellos galegos e portugueses dan os primeiros pasos para a creación dun roteiro turístico, cultural e natural común para camiñantes e ciclistas.

Crear un roteiro para camiñantes e ciclistas entre Galicia e Norte de Portugal que permita valorizar o patrimonio turístico, cultural e natural dos concellos polos que transite. Con este obxectivo as universidades de Vigo e Trás-os-Montes Alto Douro UTAD, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento da Rexión Norte de Portugal, a asociación Douro Generation, a Fundación Vicente Risco e varios concellos ourensáns están a deseñar un proxecto que se presentará á convocatoria Interreg V A España-Portugal POCTEP.

O proxecto leva por título Turismo sostible en paisaxes culturais Galicia-Norte de Portugal. Neste, a participación da Universidade de Vigo enmárcase dentro da liña de actuación do Campus da Auga, debido á súa relación co desenvolvemento sostible e valorización patrimonial e turística, informa Rosa Tedín.

“A idea é presentar o proxecto á convocatoria POCTEP en maio ou xuño”, explicou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense e comisionado para o Campus da Auga. Tras esta primeira reunión, apuntou, comezarase a traballar na definición e descrición desa ruta e das rutas secundarias que puideran proporse, partindo da idea de que o percorrido sairá de Vila Real e chegará a un lugar aínda por determinar do sur de Galicia.

Os promotores da iniciativa únense neste proxecto coa idea común de que o turismo sostible, articulado coa conservación dos recursos culturais e naturais, pódese converter nunha base económica fundamental para a rexión transfronteiriza.

A proposta basearase na preservación e protección do medio ambiente e a promoción e utilización eficiente dos recursos, tendo como prioridade a conservación, protección, promoción e desenvolvemento do patrimonio natural e cultural.

Neste marco de traballo, as liñas de intervención sobre as que traballan os membros do proxecto son o deseño dunha vía para bicicletas e persoas entre Galicia e Portugal; a protección, desenvolvemento e promoción de activos públicos culturais e patrimoniais e o desenvolvemento e promoción do potencial turístico das zonas naturais.

A proposta apostará por empregar a experiencia de xestión patrimonial de sitios con recoñecido valor natural e patrimonial, como son o Alto Douro e a Ribeira Sacra, para valorizar outras paisaxes da zona transfronteiriza que non teñen o mesmo nivel de protección, mais que posúen características patrimoniais semellantes e, consecuentemente, os mesmos desafíos de valorización.

A primeira xuntanza do equipo de traballo que vai elaborar a proposta tivo lugar esta semana no campus de Ourense. A reunión, presidida por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense e comisionado para o Campus da Auga, contou coa participación por parte portuguesa de Alberto Batista, pro-reitor para proxectos estruturais da UTAD, e de Hernani Gouveia e Ana Moreno, da Asociación Douro Generation. De Galicia estiveron Luis Martínez-Risco, secretario da Fundación Vicente Risco, e da Universidade de Vigo José Antonio Fraiz, coordinador do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde; Elisa Alén, profesora da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo, e Beatriz Vaquero, profesora da Facultade de Historia, os tres membros do comité executivo do clúster 2 do Campus da Auga. Tamén estiveron Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas; Xan Jardón, alcalde de Vilar de Santos, e Rita Lago, concelleira de Castrelo de Miño.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: