Nova andaina para defender o rico patrimonio da Serra do Galiñeiro

Tempo de lectura: 2 min.

A Serra do Galiñeiro necesita protección. O monte que alberga un rico patrimonio cultural e natural e que representa un fabuloso balcón desde o que observar a ría de Vigo volveu contar un ano máis co apoio de centos de persoas.Este domingo celebrouse a VI Andaina do Galiñeiro, un roteiro que ten coma finalidade reclamar a declaración de parque natural para este espazo singular. Un evento no que participaron medio milleiro de persoas a pesar da mala climatoloxía.

Desta volta, o roteiro ascendeu pola vertente oeste do monte e sur, pasando polas aldeas de Prado, Vincios ou Vilas. Visitouse unha mina abandonada, o chan de mámoas e o alto dos Penidos e utilizáronse antigos camiños en desuso.

A xornada estivo amenizada polso gaiteiros “Balcón do Val Miñor” de Morgadáns, que abríu a xornada e contou coa participación de “Manolo Pipas” que leu os seus poemas, Bagunda que amenizou a marcha e o escritor Fran Alonso que leu o manifesto final.

Un manifesto no que lembrou que a Serra do Galiñeiro “é o ventre que atesoura no seu interior un inmenso patrimonio cultural, antropolóxico, xeolóxico, histórico e arqueolóxico“.

“Hoxe, a cidadanía do Val Miñor, a cidadanía de Vigo, a cidadanía da Louriña, a cidadanía do Baixo Miño, participamos nesta VI Andaina pola Serra do Galiñeiro, sobre todo, porque non queremos ser cómplices. Non queremos ser cómplices da transformación da bondade dos recursos naturais en maldade para abastecer a opulencia; non queremos ser cómplices da especulación irresponsable; non queremos ser cómplices da queima, verán tras verán, das nosas fragas e da destrución das especies arbóreas que viron nacer a antiga Gallaecia…”, suliñou no seu escrito no que, novamente, insistiu na necesidade e protección para este espazo natural.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: