Representación en 3D da pedra da grada entre os concellos de Caldas, Portas e Moraña / A Rula

O gran petróglifo que divide os concellos de Caldas, Portas e Moraña

Tempo de lectura: 2 min.

Un petróglifo datado na Idade do Bronce foi atopado entre os concellos de Caldas, Portas e Moraña.  Coñecido como “Pedra da grada”, pola súa forma, é moi pouco común nesta zona e os expertos piden protección para garantir a súa conservación.

O marco que separa os concellos de Portas, Caldas de Reis e Moraña non é unha pedra sen máis. Sobre a súa superficie está tallado un dos petróglifos máis singulares da arte rupestre galega. Está datado por volta do 1800 antes de Cristo e mide 1 metro 78 de altura.

Este afloramento granítico localízase a 207 metros de altitude (coordenadas UTM:  29 T 531282 4713518 – Datum: wgs 84) nun extremo do Monte de San Martiño (Caldas de Reis). Sitúase nunha pequena planicie, a só uns metros do nacente do rego de Arcos, nunha encrucillada entre o camiño de monte que transcorre paralelo ó linde entre Caldas e Moraña e o antigo Camiño de Búa que remata en Corrigatos (Moraña) e que pasa ó carón do campo de fútbol de Saiáns.

A pedra da grada  fai de marco entre os concellos de Caldas, Portas e Moraña e contén un curioso petróglifo / A Rula

A pedra da grada fai de marco entre os concellos de Caldas, Portas e Moraña e contén un curioso petróglifo / A Rula

Foi o Colectivo a Rula o encargado de darlle a difusión logo de que un veciño da zona se puxera en contacto con eles para dar conta do achado. Luis Leclere, do colectivo A Rula, destaca a importancia deste petróglifo e o feito de que se atope nun marco que divide tres concellos.

A Rula, na súa web, destaca que o gravado da Pedra da Grada entronca claramente co grupo iconográfico “Peña Tú”,  fundamentalmente pola súa forma rectangular segmentada en oito franxas horizontais e remate absidal bastante pronunciado. Porén, tamén presenta características propias como a substitución deses trazos, que representan esquematicamente un rostro en Peña Tú, por catro arquiños en liña, de 12 cm de alto por 11 cm de ancho cada un, apoiados sobre a primeira banda rectangular interna.

“Cabe salientar tamén o gran tamaño do ídolo, o máis grande dos localizados ata o momento en terras galegas e, probablemente, un dos máis grandes de todos os coñecidos na actualidade”, indica. Podedes ler toda a información sobre este importante achado na súa web.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: