fbpx
Sede do Parlamento de Galicia / foto parlamentodegalicia.es

O PP aproba en solitario a nova Lei do Patrimonio Cultural

Tempo de lectura: 3 min.

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a nova Lei de Patrimonio Cultural da Comunidade cos votos só do Partido Popular.  Os populares destacan que se establecen novos niveis de seguridade, mentres que PSdeG, BNG, AGE e grupo Mixto coincidiron na crítica ao novo texto ao apreciar que aumenta a desprotección do patrimonio galego coa nova norma.Entre as novidades da nova Lei de Patrimonio Cultural figura a reorganización administrativa, xa que se incrementa a participación da administración local para autorizar determinadas intervencións.

Outra das novidades destacadas do novo texto legal é a clasificación dos bens patrimoniais, de forma que se establecen unicamente dúas categorías: os Bens de Interese Cultural (BIC) e os Bens Catalogados.

Tamén se establece na nova lei a creación do Censo de Bens Culturais de Galicia, no que se inclúen todos aqueles bens do patrimonio galego nos que se aprecia que poida concorrer un valor cultural pero que aínda non están declarados ou catalogados.

Agustín Baamonde, portavoz de Cultura do grupo Popular, dixo que o texto aprobado hoxe “dá resposta aos problemas actuais do patrimonio pero tamén a unha necesidade desde o punto de vista teórico e conceptual”.

A nova norma avanza, segundo este deputado, xa que se protexe un maior número de elementos” que na anterior lexislación -do ano 1995-, establécese un maior nivel de seguridade, e asegúrase a difusión cultural do patrimonio.

En canto ao réxime sancionador, o deputado do PP explicou que se establece baixo o criterio de maior seguridade e con máis condutas sancionables, pero tamén con maiores garantías xurídicas en canto a que se evitan indefensións”, dixo. Ademais, Baamonde defendeu que a nova Lei de Patrimonio Cultural de Galicia “ten dotación económica suficiente para a súa posta en marcha”.

Unha das Ssesións constitutivas do Parlamento de Galicia / Parlamento de Galicia

Unha das Ssesións constitutivas do Parlamento de Galicia / Parlamento de Galicia

Críticas da oposición

O socialista Emilio Vázquez cualificou de “innecesaria” a nova normativa. “O problema do patrimonio non é normativo nin legal, necesita vontade política e compromiso”, criticou. “Se nada cambia, esta lei non serve para nada”, engadiu.

Vázquez fixo un reproche ademais ao Goberno galego ao entender que “só inviste” na protección e conservación dos bens propiedade da Igrexa católica discriminando ao resto do patrimonio.

A deputada do BNG Ana Pontón puxo de manifesto os “resultados insatisfactorios” do novo texto normativo e afirmou que o PP “volve facer política de oídos xordos ao aprobar en solitario unha nova norma que empeora a protección do patrimonio”.

En liña co discurso do parlamentario socialista, Pontón indicou que o problema da desprotección do patrimonio “non está na lexislación, xa que a norma que temos se se desenvolvese con orzamento e recursos técnicos sería positiva”.

Para a nacionalista, trátase de “un paso atrás na desprotección do patrimonio que non nace do consenso”, e lembrou que a Lei vixente desde 1995 fora aprobada por unanimidade. Tamén censurou os “privilexios” que ao seu entender “segue tendo a Igrexa católica no texto da nova lei”.

Xabier Ron, de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), manifestou que “no substancial nada se modifica” coa nova Lei”. “Queremos salvar o noso patrimonio cultural das intencións depredadoras do PP”, apostilou o deputado de AGE.

Por último, Consuelo Martínez, do grupo Mixto, comentou que ademais de incrementarse a desprotección do patrimonio cultural co novo texto legal “non se protexe e destrúese o patrimonio inmaterial e a biodiversidade”. Criticou a deputada que o silencio administrativo na nova Lei “vai dirixido a desproteger o patrimonio e a autorizar a súa destrución”.

 

Pode que che interese...