Unha platación de eucaliptos destrozou o castro de Castelo de Monte da Arca en Mondoñedo | Fonte: Mariña Patrimonio

Unha plantación de eucaliptos arrasa un castro recén inventariado en Mondoñedo

O pasado decembro o Castelo de Monte da Arca foi incluído como ben patrimonial tras unha campaña realizada por Mariña Patrimonio.

En decembro de 2015 o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza incluía no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos un novo sitio arqueolóxico coa denominación Castelo de Monte da Arca e clave de identificación GA27030036.

Unha protección que chegou logo dunha campaña iniciativa por Mariña Patrimonio para protexer este xacemento da idade do ferro que xa fora recollido e descrito polo historiador José Villamil Y Castro no seu libro “Los castros y mámoas de Galicia” en 1876.

O poboamento fortificado tiña unha feitura semicircular e estaba defendido por un triple parapeto e foxo, dominando a cidade de Mondoñedo dende a que era perfectamente visíbel cuberto por bosque autóctono.

Pero, hai poucos días todo o sitio arqueolóxico foi arrasado pola maquinaria pesada utilizada nos labores de roza do bosque posterior subsolado profundo para a realización dunha plantación de eucaliptos. “Milleiros de anos de historia e patrimonio público derramados a maior gloria do eucalipto, cuxo monocultivo non parece ter límites”, denuncia esta entidade que, xunto con Adega, acaban de denunciar estes feitos por canto poden ser constitutivos dun delito contra o patrimonio cultural tipificados no Código Penal nos artigos 321 a 324.

“Resulta lamentábel que teñamos que ser as asociacións non gobernamentais as que, perante a pasividade e o desleixo da administración, teñamos que tutelar o noso patrimonio histórico arqueolóxico”, suliña.

A destrución deste ben non é un caso illado. Nos últimos anso son ducias os elementos patrimoniais, dende mámoas a castros ou mesmo restos romanos, danados mesmo de xeito irrecuperábel, moitos deles polos labores asociados ao monocuiltivo do eucalipto.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: