fbpx
Illas Cíes / campingcies.es

3.000 anos de evolución das Illas Cíes

Tempo de lectura: 4 min.

3.000 anos de evolución das Illas Cíes

Hai 4.500 anos, o nivel do mar na ría de Vigo era sensiblemente inferior ao actual e nas illas Cíes aínda non existía o que hoxe se coñece como a Lagoa dos Nenos, un dos ecosistemas máis valorados do arquipélago, declarado Parque Nacional.

Un estudo multidisciplinar posto en marcha polo grupo Análise de Concas Sedimentarias da Universidade de Vigo (grupo Basan), coa colaboración de científicos e historiadores doutros equipos da universidade viguesa, de Santiago de Compostela, León e da canadense Victoria obtiveron resultados que lles permitiron comprender que durante os últimos 3.000 anos a avaliación da conca emerxida situada entre as illas de Faro e Monteagudo “foi bastante máis complexa do que se cría ata agora”, explica Castor Muñoz Sobrino, integrante do grupo Basan.

Segundo informa a propia Universidade de Vigo, o estudo, recentemente finalizado e xa publicado en medios científicos, demostra que, a diferenza do que se pensaba ata agora, a Lagoa dos Nenos é un sistema de orixe relativamente recente, efémero e ameazado de forma case permanente pola combinación dos cambios climáticos, as variacións do nivel do mar e a acción humana. “No seu lugar había unha lagoa costeira de auga doce, con abundante vexetación acuática flotante e unha orla de canaveiras, amieiros, abeleiras e salgueiros”, explica o investigador, que fai tamén fincapé en que unha franxa de dunas costeiras separaba a lagoa da praia e do mar.

Vista das Illas Cíes / Susana Costas

Vista das Illas Cíes / Susana Costas

Os investigadores valéronse de estudos previos que explican a dinámica dos principais ecosistemas das illas durante un período comprendido entre 7.000 e 3.700 anos, e tamén as orixes da actual lagoa. “Desde hai menos de 3.700 anos a subida progresiva do nivel do mar foi cambiando o tipo de materiais que se foron depositando na conca situada entre as dúas illas e, ao ir ascendendo o nivel da praia, o sistema de dunas tamén se foi retirando cara ao interior”, explica Muñoz Sobrino.

Cambios na illa

Os antigos sedimentos da lagoa quedaron cubertos nalgún momento por areas grosas e fragmentos de cunchas que, co paso dos séculos, foron removidos polo vento, a marea e os temporais. “Loxicamente, as conclusións que se poden sacar a partir do estudo destes de materiais son máis difusas: poden servir para que nos fagamos unha idea da evolución xeral da lagoa, pero non nos aclaran moitos detalles acerca da súa historia máis recente”, engade o investigadore.
Tendo en conta estes antecedentes, o grupo vigués puxo en marcha un estudo multidisciplinar, cuxos resultados permitiron confirmar que durante séculos, e antes de que se acabase de formar a actual lagoa, en ese espazo coexistiron ecosistemas de dunas, marismas costeiras e zonas húmidas de augas salobres e doces. Durante as fases máis frías, co nivel do mar máis baixo e con menor intensidade de tormentas, os sistemas de dunas expandíronse ata desconectar as lagoas costeiras do mar.

“En concreto, agora podemos precisar que houbo ecosistemas costeiros de auga doce activos, polo menos, ata a época en que Colón viaxou a América, a finais de século XV”, subliña Muñoz Sobrino.

Segundo demostran tamén no estudo, financiado polo Ministerio de Educación e Ciencia e a Xunta de Galicia, a combinación de certas condicións (períodos máis cálidos ou tormentosos) provocou a apertura de canais de desaugadoiro e a maior achega de materiais de orixe continental cara ao mar afectou ás condicións tróficas das augas que rodean o arquipélago.

Os científicos determinaron que isto ocorreu durante a primeira metade do século XX, pero tamén durante o período Cálido Romano, en torno ao cambio de Era. “Con todo, o máis importante destes episodios parece ocorrer durante os séculos XIII e XIV”, salienta o investigador, que relaciona isto co feito de que este sería o período histórico de maior produción agrícola, actividade gandeira e impacto humano rexistrado nas illas, debido ao apoxeo dos dous mosteiros situados nelas.

Praia de Rodas, nas Illas Cíes / turismo.gal

Praia de Rodas, nas Illas Cíes / turismo.gal

“A partir dese momento esas comunidades locais foron decaendo, ata que os mosteiros foron abandonados a mediados do século XVIII”, engade o investigador, que afirma tamén que en realidade, tanto as illas como a maioría da contorna da ría de Vigo xa estaban practicamente deforestadas cara ao século XVI, de modo que o aumento da erosión tamén contribuíu a reactivar os sistemas de areais e dunas costeiras.

Evolución complexa

“En definitiva, os novos resultados permitiron comprender que durante os últimos 3.000 anos, a evolución deste ecosistema foi bastante máis complexa do que se cría”, engade Muñoz Sobrino, quen insiste que todo este proceso non foi “nin unidireccional nin continuo” e as novas evidencias indican que ao longo de todo este tempo se sucederon varias modificacións ambientais relevantes na zona, a maioría producida por cambios nas condicións climáticas e oceanográficas, pero tamén influídas pola historia da ocupación humana nas illas e nas marxes da ría de Vigo.

O grupo Basan (Basin Analyses, XM-3: Universidade de Vigo) é un equipo multidisciplinar constituído formalmente no ano 2007, coa intención de crear unha agrupación de investigación estable, multidisciplinar, pero con obxectivos e liñas de traballo comúns, capaz de promover a colaboración con outras liñas e grupos de investigación complementarias, tanto da Universidade de Vigo, como do Sistema Universitario de Galicia e outras institucións nacionais ou estranxeiras.

A investigación, que se veu desenvolvendo por parte do grupo ao longo dos últimos anos, abarca desde o estudo integral das concas ata a caracterización de alta resolución do recheo sedimentario das mesmas. Dirixidos pola catedrática Soledad García Gil, na actualidade forman parte do grupo unha ducia de investigadores que traballan en varias liñas de traballo interrelacionadas, xa que no grupo conviven xeólogos, botánicos, edafólogos e bioquímicos. “Para este traballo en concreto, cuxa IP foi a directora do grupo, empregamos datos recadados en varios proxectos que desenvolvemos dende que nos constituimos como grupo”, puntualiza Muñoz Sobrino.

Pode que che interese...