fbpx
Visita ao castro da Cabeciña, en Oia, dentro do proxecto Costa dos Castros

Aberto o segundo crowdfunding arqueolóxico de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

A Asociación Costa dos Castros – unha unión de catro Comunidades de Montes do Concello de Oia – lanza a súa segunda campaña de micromecenado para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e natural da costa sur de Galicia.A campaña realízase a través da plataforma británica DigVentures, especializada en crowdfunding arqueolóxico. Desde que saíra fai case dúas semanas a campaña a nivel anglosaxón, xa se recadaron 1.246€, un 13% do obxectivo.

En 2015, a campaña de Costa dos Castros, o primeiro micromecenado arqueolóxico de Galicia, conseguiu o cento por cento do obxectivo, máis de 10.000€. Nesta segunda campaña, tras o seu lanzamento tamén para o público galego e español, espera conseguir outros 10.000€ co fin de protexer e promocionar o patrimonio da zona.

Esta iniciativa das Comunidades de Montes de Mougás, Pedornes, Viladesuso e Santa María de Oia tamén recibe o apoio do Concello de Oia, hostaleiros locais e empresas como Gadis. Pero a súa aposta é ambiciosa e os seus fondos, limitados, polo que buscan a colaboración de persoas de todo o mundo interesadas na arqueoloxía e comprometidas co desenvolvemento rural.

Investigando o pasado de Costa dos Castros

A recadación do micromecenado destinarase principalmente a axudar á Asociación Costa dos Castros (ACdC) a financiar unha nova intervención arqueolóxica no castro da Cabeciña (Mougás, Oia). Previas intervencións neste castro revelaron un xacemento densamente poboado e con varias fases de ocupación ao longo da Idade do Ferro.

En outubro deste ano, a ACdC proponse financiar a escavación dunha nova cabana que os arqueólogos destaparon parcialmente na intervención de 2015.

“Esta cabana parece complementar varias cabanas que xa escavamos o ano pasado, coma se formasen una mesma unidade familiar. Escavala axudaranos a comprender mellor o castro e como vivían os seus habitantes” explica Carlos Otero, director arqueolóxico.

Durante a escavación, vaise implantar unha escola de campo na que os participantes poden aprender dunha forma práctica técnicas de arqueoloxía: como escavar, como identificar e manipular os obxectos que se atopen, a creación de modelos 3D, o rexistro arqueolóxico…

A supervisión do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) e a experiencia de DigVentures (a única escola de campo acreditada polo Chartered Institute for Archaeologists) garante un curso de máxima calidade e profesionalidade.

Arqueólogos dixitais

A matrícula para a escola de campo realízase a través do crowdfunding de Costa dos Castros, pero non é a única forma de colaborar co proxecto.

O nivel máis básico de colaboración permite por 12€ ter acceso ao Equipo Dixital de Escavación, o sistema pioneiro de rexistro arqueolóxico dixital de DigVentures (Digital Dig Team) adaptado especialmente para Costa dos Castros. Isto permitirá que todos os datos arqueolóxicos estean dispoñibles online para que calquera persoa interesada poida velos.

Por cantidades maiores que oscilan entre os 25 e os 130€ pódese axudar a diferentes iniciativas de Costa dos Castros a cambio de recompensas como camisetas, un broche en forma de machada de talón (tipo o que se atopou no castro da Cabeciña), cervexa artesá A Cabeciña e outros produtos gourmet da zona.

Membros do equipo arqueolóxico do proxecto Costa dos Castros, de Oia, entre eles, Xosé Gago

Membros do equipo arqueolóxico do proxecto Costa dos Castros, de Oia, entre eles, Xosé Gago

Replantando a historia

Ademais da investigación arqueolóxica, a Asociación Costa dos Castros ten dúas prioridades. Unha das necesidades primarias é a limpeza e posta en valor do petróglifo Auga dos Cebros (Pedornes, Oia). O valor inigualable deste gravado dun barco mediterráneo milenario, e a escaseza de fondos da Comunidade de Montes de Pedornes debido a un grave incendio forestal en 2008, fan que este sexa un obxectivo prioritario para o crowdfunding.

A segunda prioridade para a ACdC é a replantación de árbores autóctonas nos montes de Costa dos Castros, que se viron moi danados nas últimas décadas pola invasión de eucaliptos e incendios forestais.

Tras o gran éxito da recadación de fondos para o arboredo de Mougás, este ano tamén se ofrece a posibilidade de comprar unha árbore a través do crowdfunding para recuperar unha zona de bosque autóctono en Oia. A iniciativa baséase en eliminar eucalipto e replantar con frondosa autóctona micorrizada (inoculada con cogomelos) da empresa Hifas da Terra, que ademais doará 5 árbores por cada 10 que se adquiran mediante o micromecenado.

Un proxecto comunitario que interesa ao mundo

A Asociación Costa dos Castros xorde cando as catro Comunidades de Montes desta costa ao sur de Galicia – Mougás, Pedornes, Viladesuso e Santa María de Oia – unen os seus esforzos por buscar novas maneiras de dinamizar os seus montes a través da arqueoloxía e a promoción do lecer na natureza.

No verán de 2015, a oficina de turismo de Oia triplicou os seus números de visitas, e a maioría das consultas dos turistas estaban relacionadas coa Ruta Máxica de Oia – unha ruta de sendeirismo que percorre varios xacementos de Costa dos Castros –e o castro da Cabeciña. É un exemplo da confluencia dos intereses turísticos cos da comunidade local.

Con accións como o lanzamento do crowdfunding Costa dos Castros non só se busca apoiar a investigación arqueolóxica, conservar a arte rupestre e recuperar o bosque autóctono. Ademais de todo isto, tamén se persegue dar a coñecer o patrimonio cultural e natural de Costa dos Castros.

“Costa dos Castros ten un enorme potencial para converterse nun xeodestino que goce o turismo rexional, nacional e tamén internacional, dunha forma sustentable e que beneficie á comunidade local”, comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto.

Con esta idea en mente, a campaña de micromecenado de Costa dos Castros tamén ofrece a posibilidade de ser un “Embaixador do Atlántico”, unha opción pensada principalmente para persoas de fóra con ganas de viaxar e coñecer esta rexión de Galicia da man da comunidade e expertos locais. Os case 600€ que custa este apartado do crowdfunding destinarase na súa totalidade a pequenas empresas hostaleiras locais e aos labores da Asociación Costa dos Castros.

Para coñecer máis sobre Costa dos Castros e participar na campaña de micromecenado podes consultar a web de DigVentures: http://digventures.com/costa-dos-castros/gl/

Ligazón directa á campaña de crowdfunding: http://www.digventures.com/projects/costa-dos-castros-2016/

 

Pode que che interese...