fbpx
VI Asemblea Nacionalista en Monforte de Lemos, en 1922, cos membros das Irmandades da Fala / galipedia

As Irmandades da Fala, 100 anos despois

Tempo de lectura: 3 min.

Ramón Villar Pontes foi o artífice dunha sociedade de defensa do idioma e do país que, co tempo, acabaría converténdose no primeiro gran partido galego, o Partido Galeguista.

Na fala gallega vive

a ialma da nosa terra;
a redención de Galicia
nos seus acentos latexa.

Pobo que o seu verbo esquece
é traidor á natureza;
como irmáns todos falemos

a nobre fala gallega.

Son os versos cos que Manuel Lugrís Freire redactou en 1916 o que foi o himno orixinario das Irmandades da Fala. Precisamente, hai hoxe cen anos nacían oficialmente. Ese 18 de maio de 1916, Antón Villar Ponte convocaba unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Villar Ponte, entre outros.

Todos eles acordaban botar a andar a irmandade co obxectivo da defensa, exaltación e fomento da lingua galega. Nomeaban, entón, como Primeiro Conselleiro ao propio Antón Villar Ponte. Deseguido constituíronse diversas agrupacións locais, comezando pola de Santiago de Compostela e seguida polas de Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense ou Vilalba.

A fins de 1916 as 6 irmandades locais contaban con 200 afiliados, pero en novembro de 1918 xa eran 13 irmandades e 700 afiliados, a máis importante a da Coruña con arredor de 350 afiliados. En 1919 permanecían 500 afiliados e en 1924 só quedaban 200. Despois da ditadura de Primo de Rivera produciuse o renacer das Irmandades, que chegaron a 16 agrupacións e 700 afiliados en 1929, sendo xa 46 en 1931.

A maior parte dos membros das irmandades estaba constituída por intelectuais e profesionais liberais.

Ramón Villar Ponte foi o principal impulsor das Irmandades da Fala / galipedia

Ramón Villar Ponte foi o principal impulsor das Irmandades da Fala / galipedia

Foi Aurelio Ribalta, escritor galego que residía en Madrid e membro dun grupo de intelectuais galeguistas alí establecido, o primeiro en realizar un chamamento á unidade do galeguismo e da defensa da lingua en 1915 na revista Estudios Gallegos.

O 5 de xaneiro de 1916 era Antón Villar Ponte quen recollía a súa chamada. Curiosamente facíao a través dun artigo en La Voz de Galicia, a diferencia de hoxe, un dos xornais máis progresistas do momento, cunha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego.

Xa en marzo publicaba o folleto ‘Nacionalismo gallego (Apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional‘, no que volve sobre a cuestión da defensa, dignificación e fomento do uso da lingua galega. A proposta foi ben acollida por diferentes sectores ideolóxicos, aínda que serían dúas as tendencias principais, a de orixe tradicionalista de Antón Losada Diéguez e a liberal demócrata.

As Irmandades da Fala estarían activas ata o 1931, cando os seus integrantes decidiron disolvelas coa creación do primeiro órgano político netamente galego, o Partido Galeguista.

Precisamente, para conmemorar esta data, o Concello da Coruña e a Real Academia Galega (RAG) celebran este mércores 18 de maio o centenario das Irmandades da Fala cun acto no Teatro Rosalía de Castro no que participarán figuras destacadas do sector cultural galego.

As Irmandades volverán á mesma rúa Tabernas cun acto musical e literario que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro. Será un evento aberto á cidadanía no que participarán catro coros fundados en aquela época e figuras destacadas do sector cultural galego. Durante o acto, leranse textos escritos por Castelao, Antón Villar Ponte, Ramón Cabanillas ou Vicente Risco.

Pode que che interese...