fbpx
Ilustración do libro “Los orígenes de Compostela. Una historia dibujada” do arquitecto Arturo Franco Taboada

Compostela xa ten a súa nova historia debuxada

Tempo de lectura: 2 min.

Santiago de Compostela xa pode presumir de ter unha nova historia debuxada, obra do arquitecto Arturo Franco Taboada. Promovida polo Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos, documenta graficamente máis de 2.000 anos de construción da cidade.O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora desta nova edición actualizada e revisada de “Los orígenes de Compostela. Una historia dibujada” do arquitecto Arturo Franco Taboada. A primeira edición desta obra publicouna no ano 1987 o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. A esta seguiulle unha segunda, que saíu á luz en 1998. Tres décadas despois da primeira, xorde esta terceira edición, revisada a fondo e redeseñada de novo, tamén en castelán e en inglés.

Franco Taboada interpreta a través dos seus debuxos cales foron as sucesivas etapas da cidade compostelá, dende as súas orixes ata a súa actual constitución, dende as pegadas romanas ata o esplendor do Pórtico da Gloria. Trátase de ilustracións cheas de forza, cor e trazos precisos que van explicando a evolución urbana de Compostela. Xunto aos debuxos, os textos documentan de xeito ameno máis de dous mil anos de construción da cidade.

As escavacións do 1946-59 como base

Co obxecto último de analizar a evolución do espazo da Praza da Quintana, o autor comezou a historia polo principio. “Pretendía construír unha historia unitaria e continua, que se sucedese loxicamente sen grandes lagoas temporais”. Así, para o desenvolvemento deste traballo tomou como base principal arqueolóxica as escavacións do 1946-1959 e o resultado das mesmas, publicado por monseñor Guerra Campos. Estas escavacións rastrexaron a área correspondente ao subsolo da cruz da catedral románica, a nave maior e os transeptos.

O autor empregou o material obtido e interpretado nas citadas escavacións, que explotou graficamente para averiguar como naceu a urbe compostelá en torno ao proceso crecente da catedral, como se foi transformando o espazo urbano e cales puideron ter sido os condicionamentos e razóns que fixeron posible esta transformación.

Arturo Franco Taboada é arquitecto, escritor e debuxante. Nace na Coruña e na actualidade exerce como profesor na Escola de Arquitectura. Doutor Arquitecto pola Universidade de Santiago, ten sido recoñecido, entre outros, co Premio Internacional Puente de Alcántara e Premio Colexio de Arquitectos de Galicia. Ademais, como escritor foi finalista do Premio Planeta en 1993

Pode que che interese...