fbpx
Desfile de Moda dentro dos actos do Arde Lucus / Concello de Lugo

Lugo viste de época romana

Tempo de lectura: 2 min.

De celtas ou de romanos, tanto ten. O importante é que Lugo volveu vestir como hai 2.000 anos.  Unhas 300 persoas asistiron ao VII Desfile de Moda da Época Romana, o mellor escaparate de cara ao Arde Lvcvs.

O Mercado Municipal de Lugo acolleu este domingo unha edición máis, e xa van sete, da Mostra de Moda e Vestimenta de Época Romana, enmarcada dentro da programación do Lvcvs Cvltvral, organizada polo Concello de Lugo.

Trátase do mellor escaparate de vestimenta, complementos e peiteados de firmas lucenses de cara ao Arde Lvcvs. Por iso, unhas 300 persoas déronse cita neste evento, entre as que se atopaba a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre.

Este desfile, que foi presentado pola actriz lucense Alba Mesa e custodiado por membros da Guardia Pretoriana e Trebas Galaicas, contou coa participación de 8 deseñadores e 5 perruquerías, que mostraron as súas mellores creacións inspiradas na época romana.

Desfile de Moda dentro dos actos do Arde Lucus / Concello de Lugo

Desfile de Moda dentro dos actos do Arde Lucus / Concello de Lugo

Espectáculo de danza

Tal e como deu a coñecer a Concelleira, esta mostra constitúe unha importante oportunidade para dinamizar o sector máis creativo do municipio, pois nesta cita dan a coñecer as súas propostas de cara ao vindeiro Arde Lvcvs, que se celebrará do 16 ao 19 de xuño. Este ano, ademais, os asistentes tiveron a ocasión de gozar cun espectáculo de danza de dúas bailarinas da escola de Star Dance. Neste evento tamén desfilaron os participantes do obradoiro de vestimenta romana que o Concello está a levar a cabo na Casa da Xuventude, e que foron peitedados polos alumnos e alumnas do ciclo de perruquería do instituto Muralla Romana.

Nesta gala deuse cita o mellor da creatividade lucense da man de Beatriz Valín, María Tacón, Corazóns Artesáns, D´ponepin, Pandelandras, Don Botón, Unha de Romanos e Lowena. As perruquerías participantes foron Avalon Peluqueros, Peluquería Azares, Miriam Souto Peluqueros, Vanessa Martínez e Peluquería Venus.

Previamente ao desfile, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, entregou os diplomas aos gañadores da actividade Busca do Tesouro, celebrada o pasado 30 de abril pola cidade.

Pode que che interese...