O Concello de Ponteareas rehabilitará un cruceiro declarado BIC e que foi destrozado / Concello de POnteareas

O Concello de Ponteareas arranxará un cruceiro BIC destrozado

Tempo de lectura: < 1 min.

O cruceiro da Porteliña, na parroquia de Bugarín, apareceu destrozado o pasado febreiro e quedou en moi mal estado.

O cruceiro da Porteliña, en Ponteareas, terá unha nova restauración tras ser derrubado e ficar fragmentado, nun estado “moi malo”, segundo os técnicos municipais. De feito, en pé só quedou a súa base, toda a columna e cruz rompeu en varios anacos. Os restos están gardados en dependencias municipais para salvagardar a súa integridade de posibles roubos. Para o seu traslado e montaxe a obra precisará dun canteiro e dous restauradores, xa que se trata dun ben patrimonial catalogado.

O cruceiro da Porteliña está situado no pé do camiño entre o conxunto parroquial e casa grande, no lugar do mesmo nome. A obra ten un pedestal sen ornamentos, o varal é cadrado, cos bordos rebaixados e capitel esférico, con detalles xeométricos, a parte máis antiga do elemento e a cruz é de sección rectangular.

Non se coñece aínda a identidade do infractor que en febreiro deste ano escachou a obra considerada Ben de Interese Cultural, polo tanto, patrimonio histórico e artístico. Os feitos foron denunciados ante a Garda Civil pola Asociación de Veciños de Bugarín. Non se coñecen as causas do incidente, aínda que os veciños sospeitan que o acontecido foi ou ben un accidente de tráfico, ou ben un acto de vandalismo intencionado.

“Espero que se arranxe axiña e que non volva a sufrir ningún tipo de dano”, declara o concelleiro de Xestión e Protección do Patrimonio, Benito Márquez.

 

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: