José Manuel López presenta "Espejo del perfecto sacerdote. Un programa iconográfico de la catedral de Tui 

O libro do que oculta o “espello do perfecto sacerdote”

Un libro do profesor de Historia da Arte da USC José Manuel López interpreta a imaxinería da sancristía da catedral de Tui.

A concupiscencia e a soberbia como nais do pecado, a verdade e a prudencia como virtudes contra os enganos do maligno ou a penitencia e a sabedoría como armas do sacerdote son algúns dos moitos conceptos que incorpora na súa imaxinería a sancristía da catedral de Tui. Datada a principios do XVIII, ofrece unha amplísima variedade de imaxes a modo de espello no que debe mirarse o sacerdote para alcanzar a perfección.

Partindo deste patrimonio iconográfico da sancristía da catedral de Tui, o profesor de Historia da Arte da USC José Manuel López Vázquez interpreta na monografía ‘Espejo del perfecto sacerdote. Un programa iconográfico de la catedral de Tui’ preto dun centenar de ilustracións nun intento por desgranar a mensaxe visual que lle recorda constantemente ao sacerdote as obrigas da súa dignidade. O libro, que edita o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, presentouse este mércores na Facultade de Xeografía e Historia.

As imaxes da sancristía enfatizan, por unha parte, a nobreza e excelencias do estado sacerdotal en pos de resaltar a súa propia identidade e, por outra, procúrase a salvación particular de cada un, “empregando con este fin os afectos do amor ou o temor que se complementarán dependendo da complexión natural de cada sacerdote”, matiza o autor.

O profesor López Vázquez, membro do grupo Iacobus da USC, centra as súas liñas de investigación en dous ámbitos: a historia da arte galega –fundamentalmente a escultura do XVIII e a pintura desde o neoclasicismo ao rexionalismo– e a interpretación iconográfica da obra de Goya.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: