fbpx
Vertedoiro incontrolado na área de petróglifos da Ran, en Cuntis / Veciñanza

Presentan proxecto de recuperación dos petróglifos da Ran

Tempo de lectura: 2 min.

Veciñanza presenta un proxecto que aposta polo acondicionamento dunha ruta de sendeirismo que faga visitables os petróglifos, así como unha difusión máis áxil dos bens patrimoniais cuntienses.

O Proxecto Integral de Recuperación e Posta en Valor dos petróglifos da Ran identifica as deficiencias actuais e ofrece propostas viables. Está dispoñible na web de Veciñanza e contempla o acondicionamento da área, unha ruta de sendeirismo e unha maior axilidade na difusión turística. A posta en valor do noso patrimonio non é
exclusivamente unha cuestión de sensibilidade cultural, senón un potencial socioeconómico de primeira orde.

O pasado mércores, Saleta Fernández e Santi Martínez (concelleiros de Veciñanza), acompañados doutros integrantes da agrupación municipalista reuníronse co Alcalde de Cuntis, Manuel Campos, para presentarlle o Proxecto Integral de Recuperación e Posta en Valor dos petroglifos da Ran. O documento consta de máis de 80 páxinas e, ademais da parte técnica, identifica as deficiencias actuais e ofrece propostas viables para a conservación da área de petroglifos da Ran, que actualmente se atopa nun estado lamentable.

Precisametne, Veciñanza alertaba fai poucos días do nulo mantemento que tanto este como o anterior goberno realizaran daquela zona rupestre, unha das referencias do rico patrimonio histórico-artístico cuntiense. Foron varios os arqueólogos e especialistas que asesoraron a Veciñanza para a elaboración deste completo informe, que está dispoñible na web www.veciñanza.gal. O plan contempla o acondicionamento dunha ruta de sendeirismo que faga visitables os petroglifos, así como unha difusión máis áxil dos bens patrimoniais cuntienses como elementos inescusables do potencial turístico do municipio. É indispensable unha sinalización adecuada dunha zona que se atopa en estado de absoluto abandono. Sinala tamén a necesidade de que os traballos de limpeza deben facerse con escrupuloso coidado e supervisados polos técnicos competentes da Xunta de Galicia.

Esta agrupación entende que a posta en valor do noso patrimonio non é exclusivamente unha cuestión de sensibilidade cultural, senón un potencial socioeconómico con capacidade para xerar riqueza e mesmo postos de traballo. “O turismo é un dos referentes da nosa economía local, e sen dúbida atópase infraaproveitado. Conservar,
difundir e artellar a promoción adecuada debe ser unha labor do Goberno Municipal que ata o de agora non se está a producir. Veciñanza cre firmemente que neste eido hai moita marxe de mellora no que se refire ás potencialidades, pero hai moito por facer e a execución dos proxectos require ideas e traballo, algo que ata o momento non se percibe con claridade na xestión do bipartito”, apunta.

Así, destaca que o seu proxecto é “perfectamente viable“.”Deste xeito, estamos a disposición tanto do Goberno Municipal para colaborar na dinamización da nosa maltreita economía local como de calquera veciño/a ou colectivo que desexe unha explicación máis detallada e pormenorizada do que este documento propón”, indica.

Pode que che interese...