fbpx

Recuperan a primeira zona rupestre coñecida de Ames

Tempo de lectura: 2 min.

Trátase da área arqueolóxica de Ventosa (Ames) que foi estudada en 1909 e que 107 anos despois inicia a súa posta en valor.A Dirección Xeral de Patrimonio e ó Concello de Ames comezarán o 1 de xullo a traballar no conxunto de petróglifos de Ventosa, tres grupos de gravados en pedra presumiblemente de época neolítica. Son 5.000 euros o diñeiro que as administracións achegarán para que os veciños e visitantes poidan redescubrir os petróglifos do Monte Castelo, Peneda Negra e Campo Redondo.

O edil de Cultura David Santomil confirmaba que xa se chegou a un acordo cos propietarios das leiras da contorna para estes traballos de acondicionamento de accesos, sinalización e limpeza do monte. Estas medidas, a xuízo do citado concelleiro, son unha mostra “do compromiso de recuperar e actuar na defensa e posta en valor do patrimonio municipal. Este é un primeiro paso, moi importante, pero aínda moito que facer e descubrir”.

A valorización social destes singulares e excepcionais xacementos supón unha homenaxe a todos aqueles que desde hai máis de cen anos loitaron pola súa protección e divulgación. Dende o seu descubridor, o alcalde republicano Oscar Lojo Batalla pasando polos investigadores da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra como Enrique Campo, Ramón Sobrino Buhigas e Ramón Sobrino Lorenzo, os investigadores do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (F. Acuña Castroviejo, Carlos García Martínez, entre outros) ata os traballos máis recentes de arqueólogos como María Jesús Soto Barreiro, Antonio De la Peña Santos e Jorge Guitián Castromil.

“Queremos lembrar tamén o traballo académico dirixido por Eva Garea Traba e elaborado polo IES de Ames que permitiron ós alumnos e pais coñecer estas mostras da nosa arte máis primixenia na comarca”, apuntan desde o Colectivo A Rula, que foi o promotor da súa posta en valor. “Estas novas recompensan o traballo iniciado polo Colectivo hai mais de tres anos e anímanos a seguir loitando pola divulgación e conservación da arte rupestre e tentar acadar así o seu verdadeiro recoñecemento social”, engaden nun comunicado.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: