Manuel Gago durante a presentación de O Anxo Negro

Unha novela sobre o expolio e a defensa do patrimonio común

Tempo de lectura: 2 min.

O xornalista e escritor Manuel Gago presenta O Anxo Negro, unha novela de intriga e aventura, baseada nos numerosos espolios de igrexas rurais que sufriu Galicia a partir do Concilio Vaticano II.

A principios dos anos 80, Nicolás Bren, capitán retirado da Mariña Mercante, recibe un estraño encargo por parte dos veciños dunha parroquia montañesa da Costa da Morte: recuperar a figura roubada dunha Santa Mariña da que son moi devotos. A investigación emprendida polo capitán, xunto cos veciños da parroquia, levaraos a transitar pola trama dun sistema corrupto e a descubrir os incribles vínculos da talla cun dos instantes decisivos da historia de Europa. Este é o argumento de inicio da novela O Anxo Negro, un libro cargado de simboloxía e de historia.

Capa de O Anxo Negro, un libro de Manuel Gago

Capa de O Anxo Negro, un libro de Manuel Gago

O seu autor, Manuel Gago, profesor na USC e director de www.culturagalega.org, traslada ao lector por distintos escenarios e viaxa por distintas épocas, desde a Galicia do XVI, ata os anos oitenta, pasando pola Guerra Civil. Unha novela trepidante que ten coma protagonista a Santa Mariña, a santa patroa de Cereiro, unha parroquia imaxinaria da Galicia rural que se une para tentar localizar a imaxe roubada. E é entón cando á fronte da investigación se poñen Nicolás Bren, afeccionado á historia local, e Andreu Meis, un mozo catalán de orixe galego, propietario do bar Drake. Contarán coa axuda dun emigrante de Cereiro en EEUU que é o que financia a busca da Santa e, sobre todo, cos veciños da localidade.

Bren e Meis van tecendo diversos fíos de investigación que retrotraen a historia de Santa Mariña ata o século XVI e que enganchan con tristes acontecementos acontecidos no 36, cos fusilamentos dos fascistas no mal chamado lado nacional. A novela tamén debulla a relación entre a igrexa e o pobo, entre os curas e os parroquianos e, sobre todo, entre a relación dalgún deles coas mafias de espolio do patrimonio que esfolaron moitos templos nos 70 e 80.

Gago presentou este xoves a novela na Igrexa da Universidade da USC, en Santiago de Compostela cunha pequena conferencia sobre a relación que o mundo rural ten coas súas imaxes e as súas tradicións e, sobre a impunidade que durante anos rodeou o roubo de arte sacro –e non sacro– das aldeas e parroquias do país.

Tamén se presentou un espectacular trailer realizado por Soledad Felloza que tentar resumir a trama dunha novela que está a cabalo do xénero negro e do xénero histórico. Pero, quen coñece o autor, sabe perfectamente que O Anxo Negro é unha novela coral na que moitos dos protagonistas teñen que ver con persoas reais que aman e protexen o noso rico patrimonio.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: