As plantacións de eucaliptos son un dos maiores perigos aos que se enfronta o megalitismo galego / inter.rev.foroactivo.com
As plantacións de eucaliptos son un dos maiores perigos aos que se enfronta o megalitismo galego / inter.rev.foroactivo.com

40 novas denuncias por danos da industria da madeira no patrimonio

ADEGA e Mariña-Patrimonio levan documentados danos en 2 abrigos paleolíticos, 21 mámoas, 14 castros, 1 xacemento medieval e 2 de idade indeterminada. Acusan á Xunta e á industria madeireira por esta situación.

ADEGA e MariñaPatrimonio acaban de presentar 40 novas denuncias por danos ao patrimonio histórico-arqueolóxico causados polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto: plantacións, cortas, apertura de pistas, rozado con maquinaria pesada, etc.

Así, nunha rolda de prensa, salientaron que no norte da provincia de Lugo, unha área intensamente eucaliptizada, levan documentadas e presentadas nos últimos 5 anos un total de 56 denuncias. “Coidamos que boa parte dos xacementos arqueolóxicos desta área xeográfica (uns 500), poden estar afectados nalgunha medida polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto”, apuntaron.

Entre estes últimos 40 xacementos afectados figuran 2 abrigos paleolíticos, 21 mámoas, 14 castros, 1 xacemento medieval e 2 de idade indeterminada. “Estas 40 novas denuncias son só unha pequena mostra, a punta do iceberg do que pode estar a acontecer en moitos montes galegos submetidos á ditadura do eucalipto”, criticaron.

Extrapolando os datos ao preto do medio millón de hectáreas eucaliptizadas en Galicia, a magnitude da afección patrimonial (con danos por veces irreparábeis sobre o ben, chegando mesmo até a desaparición do xacemento) e o impacto cultural asociado, “podería ser inmensa”, apuntaron.

Unha platación de eucaliptos destrozou o castro de Castelo de Monte da Arca en Mondoñedo | Fonte: Mariña Patrimonio

Unha platación de eucaliptos destrozou o castro de Castelo de Monte da Arca en Mondoñedo | Fonte: Mariña Patrimonio

Xunta e Industria madeireira, responsables

Por iso, acusaron desta situación, a partes iguais, á industria do eucalipto e á Xunta de Galicia. “A primeira, por actuar irresponsabelmente e sen un mínimo respecto por un patrimonio que é de todos, só centrada na produción a toda costa para satisfacer a cobiza de ENCE. E á Xunta, por abandonar o seu labor de coidado, vixianza e control dun valiosísimo patrimonio público”, denunciaron.

Neste sentido, tanto ADEGA como MariñaPatrimonia salientaron que seguirán denunciando esta situación, valendose, para iso, da listaxe dos xacementos e contando cos recursos que as novas tecnoloxías ofrecen.

Ademais, anunciaron que pedirán tamén o amparo da UNESCO, da Organización das Nacións Unidas para a Educación, da Ciencia e a Cultura, “para frear a destrución masiva dos bens arqueolóxicos galegos pola industria eucaliptal e a inoperancia da Xunta”.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: