fbpx
Vertedoiro nunha mámoa da Fonsagrada / Xabier Moure

A mámoa que serve de vertedeiro en Navia

Tempo de lectura: 2 min.

Patrimonio dos Ancares denuncia danos en varios bens da comarca da Fonsagrada. Nunha mámoa construíron un silo para botar plásticos agrícolas e unha mámoa con destrozos.O divulgador Xabier Moure, a través de Patrimonio dos Ancares, acaba de denunciar un novo atentado contra o patrimonio galego. Grazas á colaboración dos veciños puideron dar con dúas mámoas violadas, coñecidas como Medorras do Peredelo, situadas no límite entre os concellos da Fonsagrada e de Navia de Suarna.

Esta necrópole neolítica está formada por tres enterramentos e nela, atópase, agora, un vertedoiro do lixo. E é que, como relata Moure, sobre unha das mámoas, “a mellor conservada”, tiraron un colchón, e xunto a outra “construíron un silo para botar plásticos agrícolas, co que ademais do dano causado aos monumentos, ou impacto visual é enorme”.

Estas agresións, tal e como apunta no seu blog onosopatrimonio xa foron comunicadas por escrito aos concellos da Fonsagrada e Navia, así como ao Servizo do Patrimonio da Xunta. “Lembremos que a Lei do Patrimonio Cultural obriga aos Concellos a protexer as mámoas”, di Moure, quen ademais indica que se están realizando plantacións de piñeiros preto de necrópoles, algo que tentarán vixiar.

Navia de Suarna-Anta de Ferreirúas2016Danos nunha necrópole megalítica

Moure tamén denuncia que a tampa da necrópole megalítica da Campá da Pena, coñecido como Dolme de ferreirúas, situado na aldea de Ferreirúas, parroquia de Cabanela (Navia de Suarna), está rota en numerosos cachos. “Non sabemos se foi intencionadamente ou ao pisar por ela. O certo é que se desprenderon varios anacos da pedra o que aumenta a deterioración que xa viña padecendo”, apunta Moure.

Este dolmen, único na comarca porque se aprecia a cámara funeraria, está formada por sete chantos (ortostatos) de lousa e cuarcita fincados verticalmente non chan (un deles desprazado da posición orixinal) e tampa cobertoira desprazada do seu lugar. “Foi retirada hai moitos anos para buscar tesouros”, sinala Moure.

A mámoa onde está situada esta cámara funeraria ten unhas medidas de 24 metros de diámetro e unha altura de dous metros. Dada a coñecer por Enrique López Fernández no seu Megalitos e mámoas no Concello de Fonsagrada, publicado no Boletín do Museo Provincial de Lugo no ano 1992, traballo, explica Moure, que foi presentado e lido en Ourense en 1986, durante a celebración dos actos que tiveron lugar nunha homenaxe a Florentino López Cuevillas con motivo do centenario do seu nacemento. “Foi ou primeiro enterramento megalítico documentado e estudado da comarca dos Ancares. Forma conxunto con outros seis”, explica en La Voz de Galicia.

Este dolmen “é, con moito, o enterramento megalítico máis visitado dá comarca e atópase sen sinalizar e sen protección”, relata o historiador lucense. O próximo fin de semana, desde o Colectivo Patrimonio dos Ancares, procederán a sinalizalo, “advertindo do grave risco que corre”.

Pode que che interese...