fbpx
Dixitalización dun arquivo / estudiosdurero.com

A RAG dixitaliza documentos antigos de particulares

Tempo de lectura: 2 min.

Ten carnés, salvocondutos ou pasaportes vellos? Conserva diplomas ou nomeamentos dos seus familiares? Atesoura recordatorios de bautizos, comuñóns ou vodas de hai moito tempo? Garda documentos curiosos ou históricos?

Co gallo do Día Internacional dos Arquivos, que se celebra o vindeiro día 9, a Real Academia Galega convida a todas as persoas que o desexen a compartir o pasado a través dos documentos particulares deste tipo que conserven. Do 6 ao 10 de xuño a RAG desenvolverá unha campaña de dixitalización gratuíta dos materiais, que posteriormente amosará en academia.gal.

Arquivos dos fondos da RAG

Arquivos dos fondos da RAG

O Arquivo da Real Academia Galega, fundado en 1906, xunta máis de 150 fondos documentais que abranguen desde o século XI ata os nosos días. O seu amplo legado faise imprescindible para calquera persoa que investigue a historia e a cultura galega pola relevancia e a variedade dos documentos que atesoura: correspondencia de persoeiros históricos, manuscritos literarios, fotografías, debuxos, postais, revistas e periódicos… Pero calquera persoa custodia tamén, aínda sen decatarse, un arquivo persoal ou familiar que pode ter valor histórico. Certificados de estudo e títulos académicos e profesionais, diarios, memorias, axendas, pasaportes, cartas, invitacións, recordatorios ou fotografías son só algúns exemplos dos fondos herdados dos nosos devanceiros que axudan a entendermos mellor o noso pasado colectivo.

O vindeiro día 9 de xuño será o Día Internacional dos Arquivos e a Real Academia Galega quere celebralo precisamente poñendo en valor a importancia dos arquivos persoais. Do 6 ao 10 de xuño, as persoas que desexen compartir as lembranzas e a historia que gardan os documentos antigos que conservan nas súas casas poderán traelos a RAG (na rúa Tabernas, 11 da Coruña) para a súa dixitalización gratuíta. Serán atentidas polo persoal do Arquivo da institución de luns a xoves de 9 a 14:45 horas e de 16:30 a 19:45 horas, e o venres de 9 a 14:45 horas. Posteriormente, a RAG amosará estes anacos do pasado na súa web, academia.gal.

O Arquivo da Real Academia Galega custodia, producidos por diferentes persoas e familias. Entre eles figuran os de Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Andrés Martínez Salazar, entre outras figuras da historia cultural galega. Destaca tamén o de Emilia Pardo Bazán, que contén tanto os seus manuscritos literarios como unha sección patrimonial de grande interese. A RAG conta igualmente con arquivos de institucións, empresas ou asociacións, así como coleccións recibidas, mercadas ou producidas pola propia institución.

Pode que che interese...