fbpx
Novo castro atopado en Baralla / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Aparece un novo castro en Baralla

Tempo de lectura: 2 min.

Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de documentar un novo castro no concello de Baralla. O ben está situado na aldea de Recesende, nun outeiro a 666 metros de altitude, non moi lonxe da igrexa parroquial de factura barroca.

O castro está formado por dous recintos. O inferior, de forma tirando a ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 140 por 115 metros. O superior, ou croa, ten forma case circular, cunhas medidas aproximadas de 75 por 70 metros. En varios tramos aínda se observan restos da primitiva muralla feita con pedras de lousa.

Segundo informa este colectivo, para dificultar o acceso ao interior, os seus construtores traballaron no chan rochoso sobre o que asenta o castro, construíndo pronunciados terrapléns, case verticais, que nalgunhas partes acada os 5 metros de altura. Polo sur-oeste vese un muro de lousa de factura moderna pero que aproveitou a liña da antiga muralla. Tamén se aprecian restos dun foxo defensivo. A pesar de que todo o recinto castrexo está cuberto de carballos, arbustos e maleza, vese perfectamente que o interior está totalmente chan, acondicionado para construír as vivendas.

“Xunto un terraplén atopamos unhas grandes pedras rectangulares de lousa de espléndida factura pero que, polo de agora, descoñecemos a súa función, se ben unha ten un burato como os linteis utilizados para encaixar os gonzos das portas”, engade nun comunicado.

Patrimonio dos Ancares apunta que o castro atópase en aceptable estado de conservación se ben hai que subliñar que parte da cara oeste foi destruída, posiblemente para extraer pedra e polo acondicionamento agrícola dos terreos colindantes. “Unhas veciñas contáronnos que hai máis de 40 anos no castro había un campo de fútbol que tamén se utilizou como campo da festa. Tamén soubemos que hai uns 50 anos, un veciño atopou un muíño de man, polas indicacións posiblemente, e anacos cerámicos ao traballar a terra”, engade.

Tamén critican que, a pesar das evidencias, o castro estea sen catalogar, aínda cando o lugar é coñecido polos veciños como Os Castros. Ao non figurar no PXOM inicial, este colectivo xa o puxo en coñecemento do Concello de Baralla e do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Coa localización deste novo castro, no concello de Baralla o número destes asentamentos elévase a 36.

Pode que che interese...