fbpx
Caracterizacións como romanos na Cita da Historia das Pontes / FB As Pontes

As Pontes cítase coa historia

Tempo de lectura: 3 min.

Esta localidade coruñesa celebrará os vindeiros 10, 11 e 12 de xuño unha serie de actividades historiadas, desde os primeiros asentamentos castrexos ate o século VIV.A Cita coa Historia das Pontes é o evento que dá a benvida ao verán. Esta cita percorre os períodos históricos máis importantes da historia da comarca do Eume, traendo até o presente personaxes, costumes e tradicións doutras épocas pasadas. Desde os primeiros asentamentos castrexos até o século XIV, no que García Rodríguez recibe o ducado das Pontes.

Este evento substitúe á tradicional feira medieval que se celebraba desde hai anos no mes de setembro. A comezos de verán, o pasado viaxa até o presente para ofrecer uns días onde a historia, a cultura e a diversión alagan as rúas da Vila das Pontes de García Rodríguez.

Visitantes e veciños poden gozar dunha das maiores recreacións históricas de distintas épocas; grupos de tribos castrexas, a invasión das tropas romanas, as invasións de hordas bárbaras na alta idade media e mesmo soldados de García Rodríguez de Valcárcel, o nobre ao que Henrique II de Castela concedeulle o señorío de Pontes de Hume en 1376 por rescatalo do cárcere tras a batalla de Nájera.

Ademais, entre outras moitas actividades, realízanse demostracións de artesanía tradicional, exhibicións de cetraría, tiro con arco, espectáculos e concertos de música en vivo, tamén hai postos de venda de gastronomía, coiro e outros produtos artesanais e para os máis pequenos existen talleres infantís, música e teatro.

Tamén haberá un concurso de caracterización. Estas son as bases:

 

BASES DO CONCURSO DE CARACTERIZACIÓN

III Cita coa Historia das Pontes – 2016

1. Temática

A temática das vestimentas para poder participar no concurso de caracterización debe xirar en torno ao mundo galaico-romano, podendo participar con vestimentas exclusivamente galaicas ou romanas.

2. Procedemento

Para poder participar no concurso será necesario fotografarse no photocall instalado na Praza da Igrexa entre os días 11 e 12 de xuño, en horarios de 12:00 a 14:00 h e de 17:00 a 19:00 h. ámbolos dous días.

As persoas participantes deberán asinar un documento de cesión de uso de imaxes para poder participar no concurso. No caso de menores de idade, deberán vir acompañados por un adulto, que será o que asine o documento de cesión.

3. Categorías e premios

Establécense dúas categorías e un premio por categoría:

– Adultos (a partir de 18 anos):

1 wonderbox cofre regalo valorado en 100 euros

– Infantil (menores de 18 anos):

1 cheque de compra de material escolar valorado en 50 euros

4. Criterios de selección e xurado

O xurado nos quince días posteriores á celebración do evento, realizará unha fase previa de selección de tres finalistas por categoría, en base aos seguintes criterios técnicos:

– Materiais empregados na confección da vestimenta

– Adaptación histórica da vestimenta á época galaico-romana

– Confección e deseño de complementos

O xurado estará integrado polas seguintes persoas:

– Carla López (Deseñadora de moda)

– Carolina Díguele (Deseñadora e artesana)

– Marcial Tenreiro (Arqueólogo e historiador)

– Bibiana Martín (Empresaria local de moda e complementos)

– Sonia Sueiro (Concelleira de Cultura do Concello das Pontes)

5. Votación finalistas

A selección dos finalistas de cada categoría realizarase por votación na páxina do facebook https://www.facebook.com/III-Cita-coa-Historia-das-Pontes-…/ , empregando o botón de Gústame. As fotos que máis Gústame acaden en cada categoría, serán as gañadoras. O periodo de votación das imaxes finalistas realizarase durante os 7 días posteriores á publicación das imaxes na páxina.

6. Entrega de premios

A entrega de premios realizarase nas dependencias municipais de Cultura na Casa Doutor Dopeso (As Pontes), na data e hora que lles serán comunicadas aos gañadores.

Pode que che interese...