Inicio das escavacións na necrópole de Medeiros ( Monterrei) / Uvigo

Que se atopou na necrópole xermánica de Medeiros (Monterrei)?

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio rematou as escavacións na necrópole de Medeiros e descubriu un cemiterio exclusivamente medieval marcado pola orde e o aproveitamento do espazo. Durante as sondaxes realizadas descubríronse oito tumbas de diferente tipoloxía de entre o século VI e VII.

Despois de dúas semanas de intensa actividade, este xoves o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT da Universidade de Vigo rematou o traballo de campo das escavacións arqueolóxicas levadas a cabo na necrópole de Medeiros, no concello ourensá de Monterrei. Cos xacementos atopados xa de novo soterrados para a súa salvagarda e cos sartegos e laudas recuperados nos anos 70 xa dispostos para a súa musealización, os responsables da intervención fan un balance moi positivo dos traballos realizados.

Segundo informa o Duvi, as escavacións sacaron á luz oito novas tumbas de diferente tipoloxía que permiten debuxar unha necrópole de carácter exclusivamente medieval, de aproximadamente o século VI ou VII, que foi ocupada de xeito moi ordenado por varias xeracións de habitantes ata o esgotamento do espazo circundante á ermida de San Salvador das Rozas onde se ubica. Á espera de poder coñecer a súa datación exacta a través de probas de carbono 14, os arqueólogos salientan a importancia dos traballos realizados para pór luz sobre unha etapa especialmente escura da historia de Galicia, a transición entre a Antigüidade e o Medievo.

A intervención arqueolóxica, que se enmarca nun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Monterrei, foi realizada por un equipo de oito persoas; Fermín Pérez, director científico do proxecto; Patricia Valle, arqueóloga directora da intervención; Martiño Xosé Vázquez e Begoña Garrido, arqueólogos da empresa Xeitura; Carolina Sánchez, conservadora e restauradora; Adolfo Fernández, especialista ceramólogo, e os graduados da Facultade de Historia do campus de Ourense Martín Rivas, María de los Ángeles Coello e Héctor Espino, contando ademais con persoal de apoio achegado polo Concello de Monterrei. Desde o pasado 10 de xuño e ata este xoves, eles e elas foron os encargados de realizar os traballos previstos de documentación fotogramétrica dos sartegos e laudas que había expostos nos lugar, de facer as escavación de sondaxes valorativas no adro da igrexa e de realizar actividades de difusión e dinamización cultural.

Sarcófagos xermánicos atopados en Medeiros ( Monterrei) / Uvigo

Sarcófagos xermánicos atopados en Medeiros ( Monterrei) / Uvigo

Varias tumbas atopadas

A escavación arqueolóxica consistiu finalmente na realización de dúas sondaxes valorativas no adro sur da igrexa, unha ao seu carón mesmo e outra a un metro de distancia. “Estaban previstas catro sondaxes pero decidimos facer dúas, ampliando dúas veces unha delas, á vista dos resultados das primeiras catas”, apunta a directora da intervención. Na sondaxe realizada ao carón da ermida, explica Patricia Valle, atopáronse catro tumbas e outra posible tumba.

A primeira delas trátase dunha tumba de laxas de pedra, con tapa e formada concretamente por catro pedras; a segunda é outra tumba de laxas de pedras e a terceira e cuarta son dúas tumbas de pedras incadas, cos laterais formados por dúas ou tres pedras, unha delas infantil e outra de tamaño medio con tapa, que probablemente debeu pertencer a un neno ou adolescente. Todas elas apareceron cubertas e recheas de terra, excepto a do neno-adolescente, que estaba baleira e con auga debido ás características do terreo. Nesta sondaxe tamén atoparon outra posible tumba e un anaco da súa posible tapa.

Na segunda das sondaxes, a un metro de distancia da igrexa, atopáronse as outras tres tumbas. A primeira delas de pedras incadas e completa salvo a tapa. Da segunda, tamén de pedras incadas, só se identificou o principio dela a súa fosa, xa que a zona escavada non permitiu vela en toda a súa dimensión. A terceira localizada é unha fosa con dúas pedras no fondo, que serían “a cama” sobre a que descansaría o defunto. Nesta segunda sondaxe atoparon marcas que indican que desta zona puideron saír os sarcófagos e laudas descubertos nos anos 70 durante unha reforma na igrexa e que se conservan no lugar.

As escavacións sorprendéronnos, tanto polo número e diversidade de tumbas atopadas como polo ben que están colocadas. En contra do que soe ser habitual nas necrópoles, todas elas estaban perfectamente situadas unha ao carón doutras, cuns 20 centímetros de distancia e sen estar montadas unha sobre outras, aproveitando ao máximo o espazo, con orientación este-oeste, coa cabeceira ao este e os pés ao oeste”, comenta a arqueóloga, que está a realizar a súa tese de doutoramento sobre as necrópoles galegas. Durante as sondaxes, engade, descartouse que puidese haber tumbas colocadas antes ou despois da ocupación medieval, descartando calquera posible orixe castrexa ou romana da necrópole. “Non hai tumbas máis antigas nin máis recentes. Hai un único nivel de ocupación e nun corto espazo de tempo”, recalca. Por último, salientan os responsables do proxecto, durante as escavacións descubriron pouco material cerámico e nunha das tumbas atoparon carbono, que se intentará someter á proba de carbono 14 para ter unha datación máis exacta do xacemento. Todas as estrutura descubertas foron rexistradas para a elaboración de planos e imaxes tridimensionais, cubertas con xeotéxtil e reenterradas coas terras procedentes da propia escavación ata recuperar o nivel orixinario do terreo.

Conservación dos sarcófagos

A segunda parte da intervención consistiu no estudo, rexistro e documentación das pezas arqueolóxicas que xa estaban almacenadas no lugar e descubertas nos anos 70: cinco sartegos monolíticos, nove laudas decoradas, catro fragmentos de tampas lisas e outros catro fragmentos de fustes graníticos. Os labores de conservación-restauración consistiron na limpeza das pezas, a consolidación de superficies onde foi necesario e no pegado de pezas fragmentadas mediante pernos metálicos e resinas sintéticas. Tamén se procedeu ao seu rexistro minucioso e exhaustivo mediante fotogrametría 3D para obter imaxes tridimensionais ultraprecisas.

Sarcófago suevo atopado nas escavacións de Medeiros / Duvi

Sarcófago suevo atopado nas escavacións de Medeiros / Duvi

“Foi un traballo arduo, xa que o estado de conservación en xeral das pezas era peor do que pensabamos e polo seu tamaño, xa que houbo que mover sartegos de ata 600 quilos”, explica a directora das escavacións. Rematada a intervención, as pezas foron trasladados á caseta tellada construída na banda norte da igrexa para unha custodia axeitada e a futura exhibición dos mesmos, elaborándose no marco deste proxecto a súa musealización. Xa no laboratorio procederase ao estudo convencional das pezas (tipoloxía, motivos decorativos, epígrafes e material de soporte) na procura de coñecer a súa cronoloxía, significado simbólico, talleres de produción, etc.). A limpeza e rexistro das pezas, adianta a arqueóloga, permitiu ver aspectos como que ao darlle a volta a algunhas laudas atoparon que teñen o mesmo oco que o sepulcro, para dar espazo ao cadaleito, e que algunhas tapas son reutilizacións de pedras doutros espazos, como soleiras.

Rematada a intervención de campo, o traballo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT continuará no laboratorio co estudo dos materiais recollidos, coa análise e a interpretación da información obtida, coa elaboración dos materiais tridimensionais e coa redacción de informes e memorias da intervención. Tamén se levará a cabo o proxecto de musealización da caseta onde quedan ubicados os sarcófagos e as lousas. Estas actividade prolongaranse ata maio de 2017 aproximadamente.

Campaña aberta á sociedade

Complementariamente á realización do proxecto leváronse a cabo actividades de difusión e dinamización cultural. Coa política de “aberto por obras”, durante a intervención de campo diariamente os veciños interesados achegáronse a ver a evolución das obras. Para eles realizouse tamén unha visita guiada específica na que máis de medio centenar de persoas se achegaron para coñecer de man dos responsables da intervención os traballos realizados. “Este contacto cos veciños foi moi produtivo. Nós contámoslle o que fixemos pero eles tamén nos deron moita información valiosa. Veu xente que estivo nas escavacións dos anos 70 e que nos deron moitos datos dos traballos realizados daquela.

Tamén nos explicaron como era o lugar antes da reforma de entón, achegándonos información de interese para ter en conta a distribución da necrópole”, explica Patricia Valle. Por último, dentro destas actividades de divulgación realizaron CEIP de Medeiros un taller de iniciación á arqueoloxía, na que os rapaces e rapazas primeiro traballaron na aula como “auténticos arqueólogos”, realizando as súas propias catas coa metodoloxía pertinente, e posteriormente visitaron as escavacións da necrópole. “Para eles foi unha actividade diferente pero tamén para nós, xa que nos permitiu ver a arqueoloxía a través dos seus ollos”, apuntan os responsables do proxecto.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: