Case 200 novos lugares incorpóranse ao catálogo das paisaxes de Galicia
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio incorporou ao catálogo de paisaxes de Galicia un total de 192 novos lugares de especial interese paisaxístico, tras o período de alegacións.
Segundo informa nun comunicado, o período de exposición pública do catálogo tivo lugar entre o 12 de febreiro e o 30 de abril e, durante este, recibíronse un total de 80 alegacións, realizadas por colectivos como o sector mineiro e de actividades extractivas, concellos, asociacións ambientais, ecoloxistas e e de veciños e particulares, entre outros.
As temáticas das propostas de cada colectivo foron similares, segundo precisa o departamento autonómico. Entre elas, a principal alegación do sector mineiro fai alusión ás posibles medidas que, con carácter xeral, puidesen limitar a actividade mineira, así como ao respecto dos dereitos mineiros.
Pola súa parte, a maior parte dos concellos, asociacións ambientais e particulares solicitaron a inclusión no catálogo de lugares de interese paisaxístico, como elementos do patrimonio cultural, ou ámbitos máis amplos como vales.