fbpx
Os Picos da Torre dende lonxe / Xabier Moure

Descuberta unha torre a máis de 1.100 metros que controlaba os pasos dos Ancares

Tempo de lectura: 4 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares acaba de dar conta dunha nove torre, probablemente, de orixe medieval, coñecida polo nome de Os Picos da Torre. Está situado preto da aldea do Piornedo, na parroquia de Donís (Cervantes), a 1.106 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Non foi ata os días 24 e 25 de xuño deste ano cando os integrantes deste colectivo se achegaron ata o lugar para comprobar a que podía obedecer o chamativo topónimo. “Cómpre aclarar que en Galicia moitos montes levan o nome de Torre ou Castelo o que non sempre indica a existencia dunha fortaleza defensiva, pode denominarse dese xeito por tratarse simplemente dun lugar elevado ou que as penas que os coroan poden ter unha lonxana semellanza cunha fortaleza”, suliña nun comunicado.

Dende lonxe, os Picos da Torre semella un castro totalmente cuberto por carballos e alta e espesa maleza (rebolas, xestas, piornos, etc.). Só cando se chega ao pé se advirte a presenza dunhas enormes moles graníticas practicamente verticais cunha altura aproximada duns 20 metros.

Nada máis coroar a cima, integrantes do colectivo descubriron que o sitio acollera un asentamento defensivo, o que en arqueoloxía se coñece como torre ou castelo roqueiro. Esta parte alta do outeiro ten unhas medidas aproximadas de 25 por 30 metros. Polo sur-oeste está delimitada por grandes penas graníticas que foron preparadas artificialmente para actuar como murallas e ás que se accedía por unha especie de pasillo de entre 0,70 e 1 metro de ancho escavado sobre as propias rochas.

Fortes desniveis

O resto estaba defendido polo fortísimo desnivel do terreo. O interior do recinto consta dunha plataforma practicamente chá, cunhas medidas aproximadas de 8 por 9 metros (uns 72 metros cadrados). A parte máis vulnerable (a que non ten as rochas) supuxemos que estaría defendida por unha muralla feita con pedras que ao longo dos séculos, como aconteceu en moitísimos casos, desapareceron para seren reaproveitadas en peches de fincas, casas ou outras construcións. Tamén se ven algúns pequenos rebaixes e buratos nas rochas que servirían para encaixar as vigas.

Dende este outeiro o dominio visual é impresionante, exercendo un control total sobre os pequenos vales e as depresións fluviais dos ríos Ser, As Pontes, Ponte de Bous ou Veiga Cimeira, encaixados entre os altos picos da serra dos Ancares con altitudes que van dos 1.300 aos case 2.000 metros.

"Pasillo" artificial na cima / Xabier Moure

“Pasillo” artificial na cima / Xabier Moure

Posible orixe altomedieval

Segundo a tradición oral, os Picos da Torre acolleu un castelo cuxas pedras foron levadas para edificar a cercana igrexa de San Fiz de Donís do século XVI pero de posible orixe anterior (tal como figura nunha inscrición) así como a Torre de Donís de orixe baixo-medieval. Se é certo que as pedras foron reutilizadas nestas construcións, a fortaleza dos Picos da Torre sería bastante anterior, quizais altomedieval.

“Tamén tivemos a fortuna de falar con Roberto, o propietario do monte onde se levantaba a torre. Ademais de confirmarnos o dito polos outros veciños, contounos que de neno atopara o anaco dunha especie de botella de barro. Díxonos que para el sería unha alegría que se puxeran en valor os Picos da Torre como un atractivo máis da aldea do Piornedo, laiándose do abandono que está a padecer tanto o pobo como toda a zona dos Ancares”, apunta.

A pouca distancia, sobre o río das Pontes atópase outro outeiro coñecido como O Castelo que, segundo a tradición, estivo habitado polos romanos se ben, de existir dita fortaleza xa que este colectivo non atopou probas dela, sería para controlar a ponte medieval de orixe romana que hai aos seus pés.

De todos os xeitos xunto os Picos da Torre discorre un antigo camiño que viña dende a actual provincia de León, atravesando a Serra dos Ancares polas inmediacións do Pico do Mostallar situado a unha altitude de máis de 1.900 metros. “Tampouco podemos desbotar a existencia neste lugar dun posible asentamento romano, non moi lonxe temos documentadas dúas explotación mineiras da época coñecidas como Mina do Ouro Vello e mina do Teso do Prado”, engade.

Todos os achados xa se puxeron en coñecemento do Concello de Cervantes e do Servizo do Patrimonio Cultural para a súa catalogación.

Alquerque atopado no nos Picos da Torre, en Cervantes. Ten un efecto debido a que se atopa bastante desgastado / Xabier Moure

Alquerque atopado no nos Picos da Torre, en Cervantes. Ten un efecto debido a que se atopa bastante desgastado / Xabier Moure

Un alquerque

“A clara evidencia da existencia dunha antiga torre roqueira que actuaría como atalaia de vixilancia e control da zona quedou confirmada pola localización dun alquerque de tres, ou xogo de tres en raia, gravado sobre unha pena lisa e horizontal que sería utilizado polos moradores para pasar o tempo durante as longas horas de vixilancia”, engade o colectivo.

Este foi un xogo moi popular na Idade Media (xunto cos máis complexos alquerques de 9 e 12) se ben xa se practicaba, ao menos, dende época romana. En Galicia temos exemplos de alquerques gravados na rocha só nos castelos de Esteiro (Muros), Castromaior (Abadín), da Raíña Loba (Os Blancos), A Rocha Forte (Santiago) e Lobeira (Vilanova de Arousa).

Tamén se atoparon exemplares en igrexas, mosteiros ou campamentos romanos, entre outros sitios. Estes taboleiros de xogos son tan escasos que na provincia de Lugo, ademais do de Castromaior, só temos un aparecido no balneario de Lugo, un en Penadominga (Quiroga) e outro máis reaproveitado na igrexa de Diomondi (O Saviñao) o que fai deste exemplar dos Picos da Torre un importante achado.

Este dos Picos da Torre é de forma cuadrangular, cunhas medidas de 30 por 33 centímetros, con nove coviñas laterais unidas por unha liña e unha coviña central. As liñas que partían desta coviña central e que unían os demais puntos non aparecen, ben porque quedou incompleto ou ben porque cada vez que se xogaba se pintaban as liñas (temos casos de alquerques onde só figuran as coviñas). Para máis información: http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/o-xogo-do-alquerque.html

Pode que che interese...