Unha das mámoas descubertas no Monte Savane, en Quindous, Cervantes / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Descuberto un conxunto de mámoas no concello de Cervantes

Un axente forestal da Consellería do Medio Rural, Severino Orozco Carro, acaba de atopar o que podería tratarse dun campo de mámoas na parroquia de Quindous, en Cervantes.O Colectivo Patrimonio dos Ancares informa que este conxunto de xacementos apareceu preto de dúas antas que este colectivo xa procedera a catalogar en febreiro e que foron inventariadas cos nomes de Savane 1 e Savane 2 por atoparse nos montes de Savane, tamén na parroquia de Quindous.

O novo conxunto atopado estaría conformado por seis novas mámoas que se atopan totalmente cubertos pola maleza e con plantacións de árbores (rebolas e piñeiros) comunais. Todas se atopan nun radio aproximado duns 450 metros, c unhas medidas que van dos 10 aos 12 metros de diámetro e unha altura que varía entre 1,5 e 0,50 metros.

“Catro túmulos están gravemente alterados, todos con cráter de violación e coa masa tumular moi espallada; nun par deles observamos restos de pedras de cuarzo que puideron formar parte dunha coiraza pétrea, e outro está cortado por un vello camiño, na actualidade en desuso. No quinto, tamén moi alterado, vense algunhas pedras de bo tamaño esparexidas pola mámoa que, sen dúbida, formaban parte da cámara funeraria”, sinala o colectivo nun comunicado.

A sexta mámoa é a que mellor se conserva. Ten uns 11 metros de diámetro e 1,5 de altura e conserva no seu interior gran parte da cámara megalítica de forma poligonal composta por sete ortostatos verticais, algúns cortados, e que ten unhas medidas de máis de dous metros cadrados da que semella partía un corredor pouco desenvolvido orientado cara o sur-leste. “A tampa cobertoira desapareceu, posiblemente destruída cando profanaron o enterramento para buscar tesouros”, engade.

Además lembra que hai moitos anos, buldozer do antigo ICONA levantaron gran parte do monte que, xunto coas posteriores plantacións de árbores, foron os responsables do estado en que se atopan estes enterramentos.

Un conxunto de once mámoas

Con estas seis novas mámoas, o conxunto ascende a once. Tres, coñecidas como da Pena dos Mouros, xa estaban catalogadas, e as outras dúas foron as documentadas no mes de febreiro. “Sen moito marxe para o erro, cremos que con estes novos achados, esta necrópole atópase entre as que conservan un maior número de mámoas da provincia de Lugo, só detrás das da Lagoela (Paradela), Monte das Tenzas (Lugo) e Lousada (Xermade)”, engade.

Na comarca dos Ancares é a segunda localizada con cámara megalítica. A outra é o dolmen de Ferreirúas, que acaba de sufrir unha agresión á tampa cobertoira. Hai outra con cámara funeraria no Alto do Restelo, no límite con Navia de Suarna, se ben esta xa pertence ao concello de Baleira, na comarca da Fonsagrada.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares solicitan unha entrevista co alcalde de Cervantes para que, á vista da importancia desta necrópole megalítica, inicie as conversas cos comuneiros para poñela en valor. Os achados xa foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello de Cervantes.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: