fbpx
Ramón María del Valle Inclán / foto PD Wikimedia

Editan un manuscrito inédito das vivencias de Valle-Inclán na I Guerra Mundial

Tempo de lectura: 3 min.

En plena I Guerra Mundial, o 27 de abril de 1916 Valle-Inclán viaxou a Francia, onde permaneceu dous meses nos que realizou varias visitas á fronte de guerra. Desa intensa experiencia deixou constancia escrita nun pequeno caderno de notas de carácter estritamente privado que dá conta das observacións e impresións do escritor sobre os efectos da guerra na vangarda e a retagarda francesas que coñeceu.

Ese caderno, un manuscrito rigorosamente inédito, conforma xa o volume 11 da Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán da USC, que desde novembro de 2009 custodia materiais autógrafos orixinais e documentos descoñecidos. Ese excepcional legado do escritor verase incrementado agora, tal e como anunciou o neto do literato, Javier del Valle-Inclán Alsina, coa doazón á USC da meirande parte da biblioteca de Valle-Inclán, ademais do arquivo e fondo documental familiar.

Con el alba. El Cuaderno de Francia (1916). Manuscrito inédito de Ramón del Valle-Inclán -estudo e edición a cargo da profesora Santos Zas- conservouse ao longo dun século no arquivo privado da familia Valle-Inclán Alsina. A directora da Cátedra e da Biblioteca destaca o carácter testemuñal do caderno, “a mellor guía para a reconstrución daquel viaxe tanto na súa dimensión biográfica como histórica”, ademais de ser un documento “fascinante” como mostrario dos mecanismos de escritura do seu autor. Non en van este pequeno caderno está na orixe do proceso de escritura de La Media Noche. Visión estelar de un momento de guerra (1917).

O volume presentouse este martes no Colexio de San Xerome nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e no participaron a profesora da USC e directora da Biblioteca, Margarita Santos Zas; o director do Servizo de Publicacións da USC que editou a obra, Juan Blanco, e o neto de Valle-Inclán, Javier del Valle-Inclán Alsina. Curiosamente, Con el alba. El Cuaderno de Francia conmemora o centenario da súa escritura (1916-2016) e o 150 aniversario do nacemento de Ramón del Valle-Inclán.

En forma de tríptico

O libro, de edición exquisita, está concibido en forma de tríptico. A súa primeira parte alberga o estudo preliminar, que reconstrúe e interpreta os itinerarios bélicos e urbanos de don Ramón. O centro do tríptico ocúpao o facsímile do caderniño, reproducido de forma autónoma para que o lector o poida ter nas súas mans como se do orixinal se tratase.

Con el alba. El Cuaderno de Francia (1916). Manuscrito inédito de Ramón del Valle-Inclán, presentado na USC / USC

Con el alba. El Cuaderno de Francia (1916). Manuscrito inédito de Ramón del Valle-Inclán, presentado na USC / USC

Na II Parte do tríptico ofrécese unha dobre edición: unha diplomática, que respecta escrupulosamente os rasgos propios dunha escritura viva mesmo coas súas erratas ou erros; e un texto para ler, que reconstrúe a orde expositiva de acordo coa súa secuencia cronolóxica. A edición vai acompañada dunha detallada anotación, complementaria do estudo introdutorio co que entabla un constante diálogo.

A Biblioteca

A Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán, editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, responde ao propósito da Cátedra Valle-Inclán da institución docente compostelá de crear unha colección propia. Conta, por unha banda, cunha liña editorial dedicada aos textos do escritor, con especial énfase na edición facsimilar de manuscritos valleinclanianos que se inaugurou co autógrafo do conto Mi Bisabuelo (2007) a cargo de Jorge Devoto del Valle-Inclán. A serie continúa agora grazas ao ‘Legado Valle-Inclán Alsina’ depositado na USC e do que forma parte Con el alba. El Cuaderno de Francia. Por outra banda, a colección dispón dunha segunda serie, iniciada coa monografía de Virginia Milner Garlitz El centro del círculo: «La Lámpara Maravillosa», de Valle-Inclán (2007), que ten como eixo os estudos que atinxen a figura e obra do escritor.

A directora da Cátedra e da Colección, Margarita Santos Zas, é profesora de Literatura Española da USC e co editora da revista Anales de la Literatura Española Contemporánea /Anuario Valle-Inclán (Society of Spanish and Spanish American Studies). Premio de Investigación Valle-Inclán 2008, é autora de varias monografías e edicións valleinclanianas ademais de prólogos e artigos en revistas especializadas e colectáneas.

Na actualidade ultima tres proxectos valleinclanianos: a edición crítica da Obra completa do escritor (Editorial Castro, Madrid), unha selección das súas obras para Alianza Editorial e, coa profesora Bénédicte Vauthier, o estudo e edición do «dossier xenético» de La Media Noche (1917).

Pode que che interese...