fbpx
Vista da ría de Vigo / A.Cenamor-thefaceoflife.com

‘Emporium’, a gran exposición sobre o comercio na ría de Vigo

Tempo de lectura: 2 min.

O Verbum acollerá a finais de xuño unha mostra con pezas de museos de toda Galicia para mostrar a historia e a evolución do comercio pola baía viguesa.‘Emporium’ é unha ambiciosa exposición sobre os intercambios comerciais na Ría de Vigo durante a Antigüedade, entre o século I a.c. e o século IV d.c, que coordina o Museo de Castrelos e que se inaugurará no Verbum a finais de xuño.

No catálogo de pezas atópanse achados procedentes de museos de toda Galicia. O corpo central pertence á sala de arqueoloxía de Castrelos, que encargou a restauración de obxectos para a exposición por un custo de 13.854,50 euros. Na selección destaca o cipo púnico achado en Toralla e considerado unha proba da chegada de barcos fenicios a estas costas.

Tamén outros museos aportarán obxectos. Así, do Museo do Mar de Vigo chegan varias pezas castrexas que documentan as relacións comerciais co Mediterráneo, así como o famoso ungüentario bizantino, de época tardorromana, atopado durante unhas obras en Areal en 2003.

Museo Verbum de Vigo / thefaceoflife.com

Museo Verbum de Vigo / thefaceoflife.com

Pezas de Ourense, Pontevedra e Lugo

Pola súa banda, o Museo Provincial de Pontevedra presta unha pequena xoia dos seus fondos, un fragmento dunha peza de vidro prerromana, atopada no castro de Chandebrito que podería corresponderse cun bote de perfume fenicio. Tamén desde o Museo Provincial de Ourense viaxará unha cunca ‘terra sigilata’ atopada en Castro Mao. Ademais estará presente o Museo Provincial de Lugo coa cesión de dúas pezas.

A proxección documental ‘Intercambios comerciais na Ría de Vigo na Antigüedade’, producido pola arqueóloga Alicia Colmenero Fernández achegará as últimas interpretacións sobre a economía e as rutas mariñas dos primeiros séculos desta Era. A posta en escena e o deseño da exposición correrá a cargo do arquitecto Javier Couto por unha adxudicación de 4.600 euros.

A mostra permanecerá no Verbum ao redor dun ano, no que non se descartan accións paralelas no xacemento da vila romana de Mirambell, en Toralla, aínda sen confirmación oficial. Fonte: Atlántico Diario

Pode que che interese...