fbpx
Escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego obra de Domingos de Andrade / panoramio.com

A famosa escaleira helicoidal do Museo do Pobo será restaurada

Tempo de lectura: 2 min.

Unha das grandes xoias do Museo do Pobo Galego, a escaleira helicoidal, obra tamén do coñecido arquitecto Domingos de Andrade, será restaurada. O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar a obra de eliminación de humidades do edificio que alberga esta estrutura a Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L por un orzamentod e 44.165 euros.A actuación centrarase na torre situada no ángulo noroeste do Convento de San Domingos de Bonaval, que alberga no seu interior a extraordinaria escaleira barroca helicoidal de tres corpos. “Prodúcense filtracións da auga da chuvia ao interior, procedentes do encontro dos seus muros coa cuberta. Así, vanse recebar os muros que conforman o buque da escaleira tanto polo interior como pola parte externa” -explica a arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga, coordinadora deste proxecto-.

No interior da torre, o cilindro está revocado cun revestimento de cal en toda a súa superficie, en bo estado na parte inferior pero con aparición de humidades a medida que ascendemos. A dispersión da humidade no interior parece ser debida a filtracións de auga a través dos paramentos verticais, que, na parte baixa, ao perderen as revocaduras, perderon tamén a súa protección fronte á auga da chuvia. Estas humidades provocan o desprendemento da revocadura interior e a degradación da fábrica.

Así, eliminaranse as revocaduras interiores nas zonas nas que sexa necesario, especialmente na parte alta do buque da escaleira. E realizarase un pintado final con pintura mineral que permita o paso do vapor de auga.

A protección das monteas

Unha das torres do Museo do Pobo Galego / Consorcio

Unha das torres do Museo do Pobo Galego / Consorcio

Por outro lado, “no pavimento, no arranque da escaleira atópanse as monteas (debuxos ou trazas que servían como guía á hora de tallar cada pedra), únicas en Galicia, que realizaron os canteiros para levantala. Debido ao tránsito de visitantes, que pisan sobre as lousas que as conteñen, e a limpeza cotiá con produtos agresivos como a lixivia, están a sufrir un forte desgaste, de xeito que as monteas que aínda se conservan acabarán por desaparecer, no caso de que non se tomen medidas de protección” -salienta Camiruaga-.

Os arquitectos do Consorcio propoñen a colocación dun pavimento flotante sobre o que transitar para evitar o paso directo sobre as monteas e frear a súa acelerada deterioración, quedando estas ao descuberto para permitir o seu estudo por parte dos investigadores e a súa contemplación por parte dos visitantes.

Actuacións no exterior

Dende a Oficina Técnica do Consorcio indican que, polo exterior, aínda que o estado da pedra é bo, existe colonización de plantas en toda a superficie, polo que se limparán as fachadas, ás que logo se lles aplicará unha revocadura de cal e se pintarán finalmente cunha pintura mineral. Tamén se eliminará a vexetación da cuberta e substituiranse as tellas en mal estado.

As carpinterías e a reixa do balcón precisan traballos de reparación e repintado. Ademais, o sistema de peche da porta de acceso ao balcón, na fachada oeste, provocou a rotura do lintel, que se reparará.

Pode que che interese...