fbpx
Presentación da nova web da toponimia galega / Xunta

Galicia ten 5.000 topónimos máis que Portugal

Tempo de lectura: 2 min.

Galicia podería contar con 1,3 millóns de topónimos e microtopónimos, o que implica o 24,3% do conxunto dos topónimos que hai en todo o Estado. Unha potencia toponímica que é mesmo maior a de Portugal, a quen supera en 5.000 nomes de lugares. Con todo, faise fundamental preservar ese legado para evitar que desapareza.

Así quedou acreditado na presentación, este luns, da nova web da toponimia galega, que se prevé que estea operativa de forma renovada nuns meses e que contará cunha grande base de datos, como a actualización do Nomenclátor xa existente.

Durante a presentación da mesma, a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, apuntou que xa se xeoreferenciou o 95 por cento dos máis de 38.000 topónimos existentes na actual Toponimia, nunha tarefa que prevé rematar a finais deste ano. “Este é un caudal toponímico inusual, que en Europa non ten parangón”, dixo Xesús Ferro, académico da RAG-. De feito fixéronse 625 traballos de investigación – -130 realizados despois de aprobación de Toponimia en 2003–.

Por iso, fixo un chamamento a solicitar todos os topónimos posibles canto antes sexa posible ante o “perigo” de que desaparezan nomes que se transmitiron durante xeracións pola “desertización do campo” e a súa perda de habitantes. “Temos présa, non tempo indefinido”, asegurou.

Por iso, valora que este proxecto supoña “continuar” con estudios sobre o “tesouro” da toponimia iniciados hai anos, no que considera un “salto cuantitativo e cualitativo”.

Ao respecto, Ferro explica que unha das riquezas desta iniciativa é que se incluirán voces de veciños das zonas coa súa determinada pronunciación do lugar e con achegas históricas ou de lendas.

Novos contidos

A nova web incluirá máis contidos como a historia detallada sobre a orixe de lugares, xeorreferencias con localizacións en mapas e pezas audiovisuais e estará aberta a achegas cidadás para a súa ampliación.

Entre outras novidades, tal e como explicou o secretario xeral de Política Lingüística, este portal contará cun novo deseño, estará adaptado a todas as plataformas móbiles, será máis accesible con maior reforzo e claridade do sistema de busca, haberá un novo visor dos topónimos no mapa e contará con contidos divulgativos sobre a orixe etimolóxica e cultural, así como con vídeos e audios.

Pode que che interese...