fbpx
Plano Lidar do castelo e minas de Grobas, en Melide / Elixio Vieites

As Grobas, á procura dunha nova mina romana en Melide

Tempo de lectura: 5 min.

Nunha escapada as terras de Melide por mor de ir ver  o Castelo de Grobas,  ou mellor dito, o lugar que ocupaba o castelo, chamáronme á atención grandes desmontes  no terreo cerca do lugar en que estivo situada esta  fortaleza. O outeiro do castelo sobresaía coa súa característica pendente e pequenas terrazas sobre do terreo da contorna. Pola banda oeste  onde estaba a edificación pertencente á Mitra Compostelá que fora derrubada no 1467 polos irmadiños, abríase unha profunda e ampla gabia que se estendía uns 500 metros ladeira abaixo en dirección ao río Iso, parecía máis un cantil que unha defensa do asentamento.

Lugar onde se atopaba o Castelo de Grobas

Busquei se había información ao respecto onde se mencionara este tipo de formación xeolóxica e atopei que no Boletín nº 40 da Real Academia Galega, do ano 1910, Eduardo Álvarez Carballido no seu artigo “Grobas” danos conta do seguinte: “...la parroquia de Grobas se halla sembrada en toda su extensión de barrancos y profundidades que a primera vista parecen ser debidas a convulsiones de la naturaleza, o a la acción de las aguas; fijándose detenidamente en la forma y amontonamiento de las tierras, producen el convencimiento de que muchas de estas eminencias son debidas a la mano del hombre, en olvidades edades y con un fin hoy desconocido. Y más y más se confirma esta opinión al encontrar una serie de antiguos subterráneos en forma de largas y estrechas galerías, que tanto pudieron ser caminos cubiertos del antiguo castillo de Grobas, como sendas abiertas en el macizo de al montaña, en exploración de filones metálicos”.

Quedaría aquí o tema de semellante fractura da terra como unha  curiosidade natural ou mineira  se non fora porque este patrón de desmontes repetíase unha e outra vez por estas terras.  Na propia aldea de Grobas están ao pé da aldea, e mesmo hai construcións modernas ao seu carón. Dicíanos unha veciña que aquí a estes desmontes chámanlle “as grotas”. Aínda así quedou por ver  outras máis en Baltar, moi cerca de onde está o castro do Ribeiro.  O que parecía  a primeira vista, como temos lido no artigo de E. Álvarez, o resultado dunha sistemática acción mineira, non estaba claro para outros autores.  Foi nun comentario que me fan chegar  Xurxo Broz Rodríguez e Cristina  Vázquez Neira na ficha elaborada para o  Castelo de Grobas en patrimoniogalego.net  e que me aporta unha valiosa información da súa  historia e que ademais  podo ler o seguinte:

“Xosé Manuel Broz Rei tamén describe no artigo do Boletín 21 do Museo de Melide o estado actual do xacemento, e fai mención a ese enorme foxo ou depresión natural do terreo que se desenvolve dende o castelo cara o oeste. Apunta a posibilidade de que se trate dunha cárcava ou corcova de orixe natural, posto que o topónimo Grobas alude a grandes depresións orográficas tipo corcovas, covas, furnas ou fondais como explica Xaquín Vázquez Rodríguez no seu libro titulado ” Toponimia do Concello de Melide”.

Gabia da posible mina romana de Grobas, en Melide / Elixio Vieites

Canle de auga ata os desmontes da posible mina romana de Golán / foto José Inácio

A nosa opinión ó respecto sobre se se trata dunha enorme trincheira ou corta producida por actividades mineiras antigas, como se ten apuntado, non nos parece demasiado convincente posto que unha extracción de mineral desa magnitude tería que producir uns enormes volumes de entulleiras que destacarían na paisaxe como medos ou medas ( depósitos de estériles ou depósitos de áridos), que hoxe terían que facerse moi evidentes. No entorno desa depresión non se detectan medos dese tipo“.

Podería ser que as do castelo fosen naturais, o que xa me parecía unha exaxeración, e dado a súa forma  era outras que saltaban no lidar en Golán, mesmo detrás da igrexa parroquial. Un desmonte na ladeira da montaña con unha lonxitude duns trescentos metros en forma de media lúa e o que parecían ser dúas fondas depresión para o desentullo. Por moito que busquei información non atopei nada sobre actividade mineira, antiga ou actual, nestas parroquias de Melide, que non digo que non a haxa.

Valiosa información foi a que deu José Inácio despois de pornos en contacto.  Moi afeccionado á arqueoloxía  xa tiña feito un pequeno blog, pero con moita información : Rebumbio remoido, peneirado… onde recollía as mesma imaxes lidar que eu  tiña barallado. Podédelo ver aquí

Dicíame José que había ademais na parroquia dos Anxeles (Boimorto), no Campo da Lanza, unha gabia, ou regueiro artificial na terra,  e que  tería que levar auga noutro tempo,  que parecía discorrer pola curva de nivel no relevo do terreo. Comezaría xunto á ponte  do río Batán, ao sur do Castro de Medelos ata o pé do castro de Corredoiras, alí baixa por Verea e aproveitábase para mover os muíños de Liñeiro.

Lendas

Foxos da posible mina romana de Grobas, en Melide /Elixio Vieites

Desmontes , ou “grotas”, da posible mina romana de Grobas, en Melide / Elixio Vieites

O  que máis me gustou foi que me contara a lenda das  gabias, ou canles de auga,  que ninguén tiña recordado ver facelas. Conta a lenda que foron feitas nunha noite xuntándose toda a xente da parroquia e seguindo o percorrido que fixera o cabalo do señor poderoso que mandaba por estes lugares.

A cousa non terminou aquí senón que mirando as ortofotos do voo americano do 1956 para os desmontes de Golán había outra gabia ou canle que seguía as mesmas pautas das  que se describían anteriormente, e dunha lonxitude que se acerca ao quilómetro, a Gabia dos Chicos.  Ao mandarlle a imaxe a J. Inácio non tardou en ir ao lugar e facer unha entrada con videos e fotos nun taboleiro de facebook . Relatoulle un veciño a mesma lenda da Gabia que xa tiña ouvido antes.

A presenza de minas romanas non é estraña na zona. Se atendemos ao catálogo de Bens Arqueolóxicos de Arzúa do 2008,  concello limítrofe con Melide, hai  información de ata 14 minas datadas na época romana. Unha delas chámase “As Grotas”, e o nome repetíase para este tipo explotación e definíase na súa ficha como “unha mina sobre xacemento secundario cunha serie de gabias de escasa lonxitude abertas con orientación  NW-SE na marxe dereita do río Iso. Como consecuencia desta obsérvase unha corta de 2-3 metros de alto disposta en paralela ao río”.

Toponimia

Outras serían as denominadas “covas”, coma a do Sisto chamada “As Covas” na parroquia de Pantiñobre, e a “Cova do Tremedal” e  “Cova da Ponte” en Maroxo.

Tamén están a das Ghurubelas, de adscrición indeterminada, con gabias de ata 50 metros de longo e 1-2 m. de fondo e onde se podían ver ata fai pouco, segundo os veciños,  aberturas de galerías mineiras. Presenta ao oeste dúas grandes escombreiras que deron lugar ao topónimo “As Medorras”.

Imaxe lidar das posibles minas romanas de Grobas, en Melide / Elixio Vieites

Imaxe lidar das posibles minas romanas de Golán , en Melide / Elixio Vieites

Pero destacaría aquí, deste catálogo, a mina co nome dos “Buratos dos Mouros” na Trapa (parroquia Vidalavil)  e que caería ao oeste da gran “groba” mencionada da parroquia melidense de Golán.

Só os especialistas en minas coas pertinentes investigacións sobre a posible  riqueza mineral destas terras poderían aclarar a natureza destas “grotas” de Melide que por outra banda  non deixan de estar moi cerca da antiga  vía  romana XIX de Boimorto a Sobrado, da cal coñecemos un miliario da época do emperador Maximino “O Tracio”, e a 12 km. (en liña recta) do asentamento romano da Cidadela.

Información adicional:

https://castrodastravesas.wordpress.com/2016/06/10/indicios-de-minas-e-minaria-nos-arredores-do-territorio-artabro/?shareadraft=575a8d8627a50

http://patrimoniogalego.net/index.php/84017/2016/03/castelo-de-grobas/

https://www.facebook.com/gaviadoschicos/?fref=ts

Podemos ver acerca das supostas minas ou grotas da zona de Baltar, Grobas e Golán:

http://goo.gl/ThmtlJ

http://remoido.blogspot.com.es/2015/03/rio-isso.html?zx=3dc79d1e61ad79ad

[wp_geo_map]

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...