Xosé Manuel Barreiro imparte unha conferencia sobre as Irmandades da Fala dentro dun ciclo organizado pola RAG

As Irmandades da Fala, a debate na RAG

Tempo de lectura: < 1 min.

O historiador e membro de número da institución Xosé Ramón Barreiro Fernández abriu este xoves o ciclo de mesas de debate ‘No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos’, organizado pola RAG dentro da súa programación de conmemoración dos cen anos da fundación dun movemento que marcou un novo rexurdimento para a cultura galega e unha nova etapa de madureza do galeguismo político. O ciclo profundará ao longo do ano 2016 nas producións literaria, xornalística e editorial galegas desenvolvida polas Irmandades da Fala, que experimentaron grazas a elas un importante avance.
Xosé Ramón Barreiro Fernández é o encargado de pronunciar a conferencia de apertura, baixo o título O tempo histórico das Irmandades, cun percorrido histórico sobre o impacto cultural, histórico e político dun movemento que foi o xérmolo da Xeración Nós.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron este ciclo. Catro das nove mesas de debate profundarán no ensaio e a oratoria, o teatro, a narrativa e a poesía que cultivaron as Irmandades, xéneros aos que a RAG lles dedicará cadansúa antoloxía, que serán editadas ao longo do segundo semestre de 2016. O mundo da ilustración, as iniciativas xornalísticas e editoriais deste movemento, as súas ideas lingüísticas e os seus protagonistas centrarán as demais mesas de debate, que contarán coa participación de máis dunha trintena de expertos e expertas, parte deles membros da Academia.

O programa pecharase no mes de decembro tamén na RAG despois de percorrer as sete principais cidades do país, seguindo a ruta marcada pola itinerancia da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, e Viveiro. Esta completa mostra sobre as Irmandades, organizada pola Academia, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego, pode verse ao longo do mes de xuño na Fundación Barrié da Coruña.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: