Bico do Santo, en Carnota / turismocarnota.com

O monte que sufriu ataques viquingos e franceses

Tempo de lectura: 2 min.

Cando viaxamos pola estrada AC-550 desde Cee cara Muros, á altura do lugar de Freán, vemos a esquerda os montes de Carnota no que destaca un outeiro de 180 m. de alto e unha cruz branca no seu cumio. Os lugareños coñéceno como “O Bico do Santo” e creo que fai de marco entre as parroquias de San Mamede cara ó norte e Santa Comba cara ó sur. Subir a este monte é como asomarnos a un balcón aberto desde onde podemos ver a panorámica gris do Pedregal do Pindo, o Cabo Fisterra e a longa praia de Carnota dende a Boca do Río, en Caldebarcos, ata a Punta de Lira. Por terra temos un terreo chan con tódalas aldeas do entorno, protexidas polo saínte polos verdes montes de Carnota.

Se retrocedemos na historia, esta atalaia formaba parte dun punto estratéxico para vixiar a entrada de visitantes non desexados pola ría de Corcubión que viñan desvalixar as riquezas dos lugareños. Así, os Viquingos, Normandos ou Turcos usaron como refuxio a Enseada de Quilmas e a do Ézaro para desembarcar e reparar os seus barcos. Según documentos, a mediados do s. X o Bispo Sisnando II de Iria Flavia mandou construír unhas fortalezas para controlar a entrada destes navegantes e, entre outras como a da Ruña, estaba a de “Canetun” (Canedo de Carnota) e “S. Jiurgium” (S. Xurxo), no Pedrullo. Estes castelos daban tranquilidade ós veciños do entorno e seguridade ó sepulcro do Apóstolo en Santiago. Despois de moitos anos, descoñezo a data, neste cumio construíuse unha pequena capela coa advocación de S. Sebastián que foi destruída en 1809 polas tropas francesas. En 1935 un veciño coñecido como Domingo Otero Ramos decidiu construír unha gran cruz de mampostería coa seguinte inscrición: “Cruz Santa, signo de redención, trono do sol de xusticia e amor, chave ificaz para abrir as portas dos ceos e esperanza segura de vida e felicidade eterna. Eu adórote”.

Para visitala, o coche achégase ata o pé do cerro collendo a pista que sae á esquerda en dirección ó lugar de Castelo e deixando a conservera DANI á dereita. Aparcado o coche, pola vaguada norte do monte sube un sendeiro en picado, e a unha distancia duns 200 m., cruza un muro vello. Uns metros adiante xírase á dereita, cara ó sur, encontrando os restos de muros vellos e uns roquedos que debemos escalar. Salvado este obstáculo encontrámonos na cima onde existe un pequeno chan con forma de círculo, duns 15 m. de diámetro, onde estaba a pequena capela e, no lateral sur, a cruz de pedra duns 2 m. de alto. Sería desexable que, a quen corresponda, limpara a maleza que cubre o sendeiro.

Artigo de Modesto García Quintáns publicdo no QPC

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: