fbpx
A especialista en otorrinolaringoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e profesora asociada da USC, Estrella Pallás Pallás, e do director médico do laboratorio Vithas Lab do Grupo Vithas, Tomás Camacho, na presentación de pezas únicas no Museo de Historia Natural da USC / USC

O Museo de Historia Natural da USC presenta dúas xoias da microscopía

Tempo de lectura: 2 min.

Trátase dunha edición orixinal de Robert Hooke publicada en 1665 e dun microscopio do século XVII.Quen se achegue estes meses ao Museo de Historia Natural da USC terá a oportunidade única de contemplar xuntas, por vez primeira, dúas pezas emblemáticas que representan a historia da microscopía: unha edición orixinal da obra Micrographia: or some Physiological Descriptions of Minute Bodies Made by Magnifying Glasses de Robet Hooke publicada en 1665 e un microscopio construído por Antony van Leeuwenhoek, tamén do século XVII.

Estas xoias científicas forman parte da exposición ‘Historia do microscopio a través da colección Camacho e Pallas’, a máis completa que existe e que é propiedade da especialista en otorrinolaringoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e profesora asociada da USC Estrella Pallas Pallas e do director médico do laboratorio Vithas Lab do Grupo Vithas, Tomás Camacho, que comezaron a colección no ano 2000 cun modelo de microscopio denominado Harvard e fabricado por Bausch and Lomb en 1876.

Foi en 2015 cando esta colección pasou a ser a máis representativa da historia da microscopía, ao incorporar o microscopio construído por Leeuwenhoek -un dos dez modelos existentes na actualidade e o único autentificado como orixinal- e a obra de Hooke, cuxas descricións foron a base para que Leeuwenhoek puidese construír os primeiros aparellos que permitían aumentos de ata 300 veces do tamaño real.

No acto de inauguración que tivo lugar este mércores, os doutores Camacho e Pallas agradeceron ao Museo o inmenso esforzo realizado para acoller esta colección e destacaron as boas condicións de temperatura e humidade como requisitos fundamentais para elixir este espazo, ademais do aspecto sentimental xa que ambos os dous son “fillos” da USC.

Xunto con estas dúas pezas emblemáticas móstranse outros moitos modelos de microscopios simples e compostos que permiten coñecer a súa evolución histórica, reflexo das melloras ópticas, mecánicas e estéticas, desde o século XVII ata principios do XX. A maior parte da exposición quedará de forma permanente no propio Museo de Historia Natural.

Pode que che interese...