fbpx
Mámoa do Chao da Moa, en Viveiro, afectada por unha plantación de eucaliptos / Mariña Patrimonio

Plantación simbólica de eucaliptos para salvar o patrimonio

Tempo de lectura: < 1 min.

As asociacións Adega, Cultura do País e Mariña Patrimonio realizarán o próximo 18 de xuño, sábado, unha plantación reivindicativa de eucaliptos na muralla de Lugo para visibilizar a “destrución masiva e indiscriminada” do patrimonio arqueolóxico “a mans da industria forestal”.Despois de que Mariña Patrimonio e Adega presenten novas denuncias sobre os danos producidos en 40 depósitos arqueolóxicos da provincia de Lugo pola extensión do eucalipto, estas asociacións levarán a cabo unha plantación simbólica na cidade amurallada con motivo da festividade do Arde Lucus.

Este acto terá lugar ás 13,00 horas do 18 de xuño no adarve da muralla, no tramo entre Porta Miñá (Tinería) e a Porta do Bispo Odoario ou do Hospital. Tras iso haberá unha comida de confraternidade e unha visita guiada a Adai.

Estas asociacións sinalan que igual que en Arde Lucus “moita xente en Lugo cambia de rol e pasa de ser un mesmo a converterse en sacerdotisa, senador romano ou guerreiro celta”, os asistentes a este acto reivindicativo na muralla converterase “por uns instantes en axentes da industria do eucalipto”.

“Como bos destrutores do patrimonio, ao berro de ‘Ningún depósito sen eucaliptos‘, procederemos á eucaliptización da muralla luguesa e, imitando os procedementos do industrial forestal, o faremos sen pedir permiso a patrimonio”, indican nun comunicado.

Pode que che interese...