Igrexa e concello de Portomarín / casacruzportomarin.com

Portomarín, novo concello turístico

Tempo de lectura: 2 min.

O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de acordo polo que se declara Municipio Turístico o concello de Portomarín. Neste concello da provincia de Lugo, que limita cos concellos de Guntín, O Páramo, Paradela, Taboada e Monterroso, a actividade turística ten gran relevancia.

Portomarín conta con numerosos recursos de atracción turística entre os que destacan o Camiño de Santiago, a Feira Mensual, a Feira da Augardente, a Festa do Ramallo, os Domingos Folclóricos, a Festa do Cristo, a Festa dos Caneiros, a Ruta BBT da Anguía e Carreira Popular, entre outros. Todos eles xeran unha cantidade de visitantes superior á súa poboación en máis de cinco veces.

Así mesmo, o municipio reúne, segundo a Xunta, os requisitos esixidos para a dita declaración ao contar cunha media ponderada de poboación turística superior ao 25% do seu número de veciños e cun número de prazas de aloxamento turístico e de prazas de segunda residencia superior ao 50% do seu número de veciños.

Vista do concello de Portomarín / valentinv.com

Vista do concello de Portomarín / valentinv.com

Tamén no referente aos servizos mínimos do municipio cumpre as condicións necesarias ao certificar a protección da salubridade pública e da hixiene, incluídas nas praias e costas, a protección civil, a seguranza cidadá, a promoción e protección dos recursos turísticos, a sinalización turística e a información xeral.

Elementos valorados

Outros elementos valorados para aprobar a declaración de Portomarín como Municipio Turístico foron o feito de que estea incluído no Plan de dinamización turística da Ribeira Sacra, un consorcio de turismo cuxo obxectivo é o desenvolvemento do destino; o aproveitamento do transcurso do Camiño Francés polo concello para a atracción de visitantes; a situación do municipio nun cruzamento entre dúas rutas de sendeirismo que transcorren por zonas de interese natural; o cumprimento óptimo da normativa sectorial de accesibilidade; e a existencia de materiais promocionais e paneis informativos que facilitan o acceso aos principais recursos turísticos así como a situación da oficina de información turística na mesma Praza Maior da vila. .

Galicia conta así cun total de 47 municipios turísticos nas catro provincias galegas. Coa incorporación de Portomarín, a provincia de Lugo acolle 13 municipios turísticos: Ribadeo, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada, Viveiro, Foz, Quiroga, Samos, Lugo, Sarria, Sober e Palas de Rei.

A declaración de municipio turístico galego ten carácter indefinido. Non obstante o Consello da Xunta de Galicia poderá revogar as citadas declaracións se deixasen de concorrer os requisitos e condicións conforme ás cales se outorgou esa declaración.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: