fbpx
Xavi é un vasco que recreou en Repil a un dos guerrilleiros antifranquistas / Xurxo Salgado

Reconstrúen a última gran batalla dos guerrilleiros galegos

Tempo de lectura: 4 min.

Repil. É un nome que durante anos estivo case prohibido. Prohibido por un muro de medo e de silencio que impuxo o franquismo a sangue e ferro. En Repil e no Pericallo, na parroquia monfortina de Chavaga, case no límite coa Pobra do Brollón, morreron sete persoas, catro guerrilleiros e dous veciños. Pereceron unha fría mañá dun 20 de abril de 1949 baixo unha chuvia de balas e metralla.

Eran 150 gardas civís os que chegaron de varios puntos de Lugo e Ponferrada para enfrontarse a catro guerrilleiros. Mesmo fixo falta traer un tren artillado, por se acaso. E, aínda así, un dos antifranquistas conseguiu fuxir a pesar de estar rodeado. Fíxoo ferido, coa mandíbula destrozada.

Os seus catro compañeiros non tiveron tanta sorte. Entre eles estaba Evaristo González Pérez -chamado Rocesvinto ou Rozamentos– que levaba preto de dous anos utilizando estas casas como refuxio. Tamén Gregorio Colmenero Fernández Porreto -natural de Ribas do Sil-, Guillermo Morán García Asturiano e Julián Acivro Alberca Guardiña, asturiano e cántabro, respectivamente.

Escavacións d casa onde tivo lugar a Batalla de Repil na que morreron catro guerrilleiros e tres veciños a mans da Garda Civil en 1949 / Xurxo Salgado

Escavacións d casa onde tivo lugar a Batalla de Repil na que morreron catro guerrilleiros e tres veciños a mans da Garda Civil en 1949 / Xurxo Salgado

Tres veciños mortos

Durante o tiroteo faleceron tamén os irmáns Ramón e María López Casanova e Luisa López Centeo, membros da familia propietaria da casa do Pericallo, na que se atopaba o xefe do grupo guerrilleiro e que nada tiñan que ver cos guerrilleiros, aínda que simpatizaban con eles. Todos morreron por unha delación dun veciño do que aínda hoxe se lembran na zona e que quedou marcado de por vida.

Pero peor sorte tiveron os donos das vivendas nas que se refuxiaban os maquis, que sufriron ademais duras represalias. E así o recordou Antonio, parente dalgúns dos veciños asasinados nun acto que tivo lugar esta fin de semana na casa de Repil, que está sendo obxecto dunha escavación arqueolóxica de recuperación da memoria histórica. A súa avoa, a súa nai e os seus tíos pasaron varios anos en cárceres de Lugo, Madrid e Santander. E diso deu fe varios documentos que ensinou aos presentes, con cartas que a sua avoa mandaba desde o penal coruñés.

A historia de Repil marcou un antes e un despois da loita antifranquista en Galicia. A masacre dos maquis foi o inicio da fin da resistencia no sur da provincia de Lugo. Así o suliña o arqueólogo Xurxo Ayán, responsable do equipo que escava en Repil e que tamén ten nexos familiares con esta triste historia xa que a súa familia é da parroquia de Cereixa, xusto ao carón de Chavaga.

O cura de Cereixa

Precisamente, Suso, un dos seus tíos lembrou como o guerrilleiro fuxido foi pedir axuda a don Modesto, o cura de Cereixa, que non tivo reparos en prestarlle os primeiros auxilios e mesmo recomendarlle un doutor de “confianza”. Enterados os fascistas desta acción, someteron a tortura ao cura que logro sufriría unha dura represión por parte da Igrexa e acabaría os seus días en Brasil.

Xurxo Ayán, o arqueólogo encargado da escavación da casa de Repil, xunto con Antonio, familiar dos propietarios e o tamén arqueólogo Felipe Criado / Xurxo Salgado

Xurxo Ayán, o arqueólogo encargado da escavación da casa de Repil, xunto con Antonio, familiar dos propietarios e o tamén arqueólogo Felipe Criado / Xurxo Salgado

A casa de Repil onde tiveron lugar estes tristes feitos pasaría desapercibida de non ser pola vontade duns veciños que teñen moi viva na memoria aqueles feitos, a pesar do medo e da represión. Moitos deles achegáronse este sábado a revivir aqueles duros momentos. Entre eles Pepe, un ex garda civil que estivo ao mando de Tejero durante o golpe de estado e que agora é un convencido republicano. Foi el, xunto con Antonio, un dos primeiros en limpar as ruínas da casa de Repil que xa non volveu ser a mesma desde a masacre do 49.

A firmeza de Antonio fixo que estes feitos nunca se esqueceran. El limpou parte da casa e colocou unha bandeira republicana e unha placa en homenaxe aos falecidos naquel lugar. Unha placa a que lle arrincaron unha lousa e unha bandeira que foi retirada. Pero colocou outra… E, novamente, foi retirada. Colocou unha terceira, e volveu pasar o mesmo. Farto da indignidade dalgún dos seus veciños, Antonio decidiu subir a un carballo que hai xusto enfronte da casa e chantar a bandeira republicana na galla máis alta. E a bandeira xa nunca foi retirada.

Agora loce outra bandeira republicana, nova, colocada onde orixinalmente Antonio colocara a primeira. Esta bandeira lémbralle ao equipo de arqueólogos, galegos e da Universidade do País Vasco, que a memoria non se pode corromper, nin modificar, nin esquecer. Na casa de Repil, como na do Pericallo, segue viva a memoria dos maquis que deron a súa vida por tentar rematar co franquismo.

E a tenor dos restos atopados nos arredores da casa, a batalla, a pesar de ser desigual, non amedrentou aos guerrilleiros. Algún deles saíu fora dos muros para enfrontarse aos gardas civís e mesmo chegou a disparar a súa pistola. Fronte ao muro do salón, os arqueólogos atoparon os restos dun proxectil dunha pistola Astra, a que utilizaban os maquis.

Participantes no roteiro da memoria de Repil, en Chavaga, Monforte de Lemos/ Xurxo Salgado

Participantes no roteiro da memoria de Repil, en Chavaga, Monforte de Lemos/ Xurxo Salgado

Roteiro da memoria

O roteiro de memoria dirixido por Xurxo Ayán levou aos presentes polo entorno de Chavaga e de Cereixa, por onde se movían os antifranquistas. Algún deles, como Rocesvinto, mesmo chegou a mocear con mulleres da vila. Algunha dela sería logo, tamén, represaliada. Por estas chairas de Lemos movíanse como peixes na auga. Os veciños sabían dos seus pasos pero evitaban delatalos. Só algúns, cobizosos por recompensas e unha hábil política franquista de delacións, decidiron, finalmente cantar e informar sobre a ubicación dos guerrilleiros.

A batalla de Repil estaba nos libros e na memoria da xente. Agora, grazas á arqueoloxía, está tamén viva e pódese reconstruír, perfectamente. Aqueles fillos e netos de represaliados poden agora ficar tranquilos, ter a conciencia tranquila, e como o propio Antonio se encargou de suliñar, “recuperar parte da historia que nos tiñan roubado”.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...