fbpx
Parroquia de A Grade, en Chantada, onde se atoparon máis de 3.400 moedas romanas

Un tesouro de máis de 3.400 moedas

Tempo de lectura: 2 min.

Hai xusto 25 anos producíase un dos achados romanos máis importantes do sur de Lugo. Un pequeno tesouriño atopado nunha leira da aldea chantadina de Quintá, na parroquia da Grade, daba como resultado unha escavación que sacou á luz un gran xacemento romano e o achado de máis de 3.400 moedas romanas.

Os arqueólogos estudaron as vinte e cinco mellor conservadas, que foron acuñadas en diferentes épocas do século IV e principios do V, durante os reinados dos emperadores Constantino I, Constancio II, Valentiniano I, Valente, Teodosio e Arcadio. A máis antiga foi datada no ano ano 324 e a máis tardía, no 402.

Nas escavacións puxéronse ao descuberto os restos de varias estruturas construtivas. Entre elas identificáronse vestixios de vivendas -unha delas cunha lareira de gran tamaño- e unha canalización de rede de sumidoiros. Tamén se atoparon numerosos fragmentos de cerámica e tégulas, utensilios domésticos, obxectos de adorno e escorias de fundición de ferro. No xacemento apareceu ademais unha lápida dedicada ás lareiras viarias, os deuses romanos dos camiños. Os materiais recuperados por entón foron depositados no museo provincial lucense.

Desde aquela intervención de emerxencia, na zona non se realizou ningunha outra escavación. Con todo, son varios os traballos que se teñen feito sobre este xacemento. O último; “A cultura castrexa e galaico-romana no condado de Pallares”, unha obra aínda non publicada, dos profesores Javier Gómez e Mar Neira, que levou o premio de investigación Condado de Pallares na súa última edición.

Un veciño de Quintá, na parroquia chantadina de A Grade, amosa os restos romanos atopados na zona / La Voz

Un veciño de Quintá, na parroquia chantadina de A Grade, amosa os restos romanos atopados na zona / La Voz

Estudos arqueolóxicos

Gómez tamén fala deste conxunto arqueolóxico nun traballo anterior, titulado Epigrafía romana da provincia de Lugo. Segundo apunta, o xacemento da Grade contén probablemente os restos dunha poboación relevante que incluiría unha granxa e unha pousada. O lugar está situado no cruzamento de dúas importantes vías romanas, a que ía de Lugo a Braga por Ourense e a que coincide co trazado do Camiño de Inverno. A zona estivo densamente poboada na antigüidade, como o proba a presenza de sete castros nos arredores.

O achado do xacemento de Quintá non foi o único acontecemento arqueolóxico de relevancia que se produciu no sur lucense na primavera de 1991. Mentres levaban a cabo as escavacións na aldea chantadina, na parroquia de Atán, en Pantón, chegouse a un acordo para a adquisición dunha estela funeraria romana que fora atopada por un veciño da localidade dous anos antes. Máis no artigo de Francisco Albo en La Voz.

 

Pode que che interese...