fbpx
Elixio Viétes ao pe do coto do castelo de Torrevedra, en Silleda / Xurxo Salgado

Unha viaxe ao interior de Silleda na procura das fortalezas de Suárez de Deza

Tempo de lectura: 6 min.

A comarca do Deza é unha das zonas agrícolas máis ricas do país. Unha riqueza que, durante centos de anos, fixo que entre os seus coutos e vales xurdiran numerosas fortalezas para dominar un territorio que foi dominio dos Suárez de Deza.

Xurxo Salgado/ Silleda. A Bandeira dista a pouco máis de 30 quilómetros de Santiago. É unha pequena vila asentada no corazón da comarca do Deza que oculta numerosos bens patrimoniais, algúns coñecidos e outros, xa, completamente esquencidos, pero que aínda deixan entrever, entre toxos e silveiras, o seu poderío militar.

Precisamente, entre as memorias dese pasado guerreiro figura o apelido Suárez de Deza, un de cuxos nobres, Alonso, maiordomo de Sancho IV, chegou a ser dono e señor de numerosas posesións do arzobispado de Santiago, e mesmo reclamado como líder civil pola propia cidade de Compostela.

Pero Alonso Suárez de Deza tivo un final digno de película. Foi axustizado canda nove representantes do concello da cidade, na fortaleza da Rocha por unha trama urdida polo arzobispo francés Berenguel de Landoria nunha época na que os nobres mandaban case máis que a propia igrexa.

Coto do castelo de Torrevedra, en Silleda / Elixio Viéites

Coto do castelo de Torrevedra, en Silleda / Elixio Viéites

Precisamente, tentando reconstruír parte desa historia pasada quixemos descubrir as súas fortalezas, algunhas delas, en Silleda, como as de Chapa e Férveda, en terras de Deza e Trasdeza, e que Berenguel de Landoria ocupou ao irmán de Alonso, Diego Gómez de Deza.

Na procura das fortalezas

Foi Elixio Viéites, incansable defensor e divulgador do noso patrimonio, quen me convidou a visitar esta zona, sabedor, do seu potencial arqueolóxico e logo de debullar, paseniño, numerosas cartas arqueolóxicas e o PXOM do concello. E, alí marchamos unha mañá.

A primeira parada foi o que semellaba unha antiga mota nun soutiño ao pe do río Xallas e do Camiño de Santiago. Pero, a pesar de certas formas, o certo é que o seu estado, cuberto de vexetación, e moi alterado, impediunos catalogalo como ben arqueolóxico.

Continuamos o camiño e a menos dun quilómetro, maxestuoso, levantáse o castro de Chapa. Está a 388 metros de altitude e cunha perfecta visión da zona. Coas estruturas exteriores a súa superficie é de 160 metros. Dende o recinto central ábrese un antecastro pola zona leste. Na zona suroeste, hai un sistema defensivo composto por dous foxos e dous parapetos. O asentamento está a carón da aldea e da igrexa parroquial de San Cibrao de Chapa.

Castro de Chapa, en Silleda / Elixio Viéites

Castro de Chapa, en Silleda / Elixio Viéites

Un pouquiño máis lonxe, pero non moito, a menos de catro quilómetros, está o coto do Castro de Sestelo. Neste lugar hai unha fermosa igrexa románica, a de San Salvador de Escuadro, cun portico rematado nunha estilizada cruz celta e sostido por dúas cabezas de bois.

Segundo o catálogo de PXOM de Silleda do ano 2012 o asentamento é un outeiro ou coto de forma cónica bordeado de fortes pendentes que puidese ter unha función defensiva, e no tercio leste observaríanse restos dun posible foxo. Por outra banda nas Fichas Arqueolóxicas dos Castro de Silleda elaborado pola Deputación de Pontevedra, ano 2012, dise que é un “exemplo de xacemento de difícil catalogación, xa que non existe a certeza de que sexa un castro. Só temos un topónimo e a referencia nun antigo achado”.

Pórtico da Igrexa románica de Sestelo, en Silleda / Xurxo Salgado

Pórtico da Igrexa románica de Sestelo, en Silleda / Xurxo Salgado

Sen embargo, a súa función de control do territorio é clara, sobre todo, tendo en conta que na zona existen outros asentamentos medievais catalogados, con función de vixilancia e control, como o Coto do Castelo de Rellas na aldea de Torrevedra e ao carón do río Toxa, e o Castelo no lugar de Férveda, nun esporón sobre a zona onde se xuntas os regueiros de Escuadro e Férveda.

Precisamente, a quilómetro e medio ou dous quilómetros atópase o coto do castelo, en Torrevedra, na parroquia de San Martiño. Un outeiriño con excelentes condicións de defensa, de forma cónica, e rodeado na zona sur polo rego de Escuadro, antes de xuntarse uns 100 metros ao leste co río Toxa. Ten excelente dominio das terras de Rellas. Pódense aínda apreciar varios foxos, a día de hoxe, moi colmatados.

Fortaleza de Sestelo, en Silleda / Elixio Viéites

Fortaleza de Sestelo, en Silleda / Elixio Viéites

No cume hai unha pequena superficie chan duns 10 metros de diámetro, tal e como recolle o propio Elixio en patrimoniogalego.net. Ao pe desta torre medieval, está un fermoso muíño, agora rehabilitado, nunha fermosa carballeira que anima ao descanso.

Elixio Viétes ao pe do coto do castelo de Torrevedra, en Silleda / Xurxo Salgado

Elixio Viétes ao pe do coto do castelo de Torrevedra, en Silleda / Xurxo Salgado

Deixando as nosas costas Torrevedra e collendo o vial cara á Estrada, atopamos, a menos de catro quilómetros, outros dous bens moi preto o un do outro, a menos de 500 metros. O primeiro, xusto ao carón da estrada, é o coto do Torrón, tamén en Escuadro. É un pequeno outeiro que sobresae nunha ladeira, a 495 metros de altitude, no que non se observan estruturas defensivas e, polo tanto, non se poden precisar as súas dimensións. No lugar aprareceron restos de cerámica castrexa por mor das obras de cimentación dunha edificación. Nas Fichas Arqueolóxicas dos Castro de Silleda elaboradas pola Deputación de Pontevedra, ano 2012, descríbese como exemplo de xacemento de difícil catalogación, xa que non existe a certeza de que sexa un castro. Neste traballo dise que só existe o topónimo, “aínda que hai abundantes indicios (folclóricos, arqueolóxicos, toponímicos) que nos poden facer pensar na existencia dun xacemento arqueolóxico, non necesariamente castrexo”. No Pxom de Silleda do ano 2012, noutra ficha que se corresponde coa contorna suroeste deste outeiro, localízase o asentamento chamado Chousas da Latiza, e dá conta do achado de pezas dun muíño circular de man.

Coto do Castro de Torrón, en Silleda / Xurxo Salgado

Coto do Castro de Torrón, en Silleda / Xurxo Salgado

Un pouco máis abaixo, collendo un desvío da estrada cara á esquerda e en dirección ao pazo de Cascaxide, un suntuoso edificio do XVII-XVIII, en reconstrución, está o castro de Cascaxide. O lugar, chamado Cubela, xa indica cales eran as súas orixes, xa que este topómino está asociado a pequenas fortalezas medievais. É este un asentamento que está nun prominente outeiro no que se aprecia unha croa defendida por un terraplén con muralla no lado norte. Cara o noroeste defenderíase cun foxo. Sen embargo, o castro está hoxe rodeado por un peche metálico xa que nel se levantou unha vivenda particular.

Castro de Cascaxide, en Silleda / Elixio Viétes

Castro de Cascaxide, en Silleda / Elixio Viétes

Percorremos numerosas torres e castros pero non soubemos, con seguridade, cal destas fortalezas pode ser a que os Suárez de Deza tiñan en Chapa. A da Férveda quedeará para outra viaxe.

Máis información sobre estes bens recopiladas por Elixio Viéitez:

Coto de Sestelo
http://patrimoniogalego.net/index.php/86014/2016/05/coto-do-castro-7/

Coto do Castro. Chapa
http://patrimoniogalego.net/index.php/86058/2016/05/castro-de-chapa/
http://silleda.es/PXOM/Parroquias/06%20Chapa/Cat%E1logo/0712b.pdf
http://silleda.es/PXOM/Parroquias/06%20Chapa/Cat%E1logo/0712.pdf

Coto do Castelo parroquia Rellas (aldea do lado chámase A Torrevedra) o do muíño e fervenza
http://silleda.es/PXOM/Parroquias/27%20Rellas/Cat%E1logo/2708.pdf
http://patrimoniogalego.net/index.php/85230/2016/04/coto-do-castelo/

Torrón. Coto do Torrón e Chans de Latiza (o mesmo outeiro)
http://patrimoniogalego.net/index.php/86028/2016/05/coto-de-torron/
http://silleda.es/PXOM/Parroquias/10%20Escuadro/Cat%E1logo/1145.pdf
http://silleda.es/PXOM/Parroquias/10%20Escuadro/Cat%E1logo/1145b.pdf
http://silleda.es/PXOM/Parroquias/10%20Escuadro/Cat%E1logo/1149.pdf

Coto do Castro- Coto de Sestelo
http://silleda.es/PXOM/Parroquias/10%20Escuadro/Cat%E1logo/1147.pdf
http://silleda.es/PXOM/Parroquias/10%20Escuadro/Cat%E1logo/1147b.pdf

Castro de Cascaxide
http://patrimoniogalego.net/index.php/85237/2016/04/castro-de-cascaxide/

[wp_geo_map]

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...