fbpx
Cemiterio de Saavedra, onde se atopa a imaxe da Virxe dos Milagres / Óscar Dacosta

VIDEO: As milagres da Virxe dos Milagros

Tempo de lectura: 3 min.

Na parroquia de Saavedra, en Begonte (Lugo), hai unha virxe miragreira. Tan miragreira que a finais de maio centos de peregrinos achéganse a súa igrexa para pedirlle favores e intercesións a cambio de ofrendas.“Todos os que vimos aquí, vimos con algo, cun desexo de pedir algo para nós, para a familia, para os fillos…Que te cure unha enfermidade”, asegura Alfonso, un destes romeiros. E é que as persoas que se achegan a Saavedra fano con tanta fé que están convencidos de que a Santa vai remediar os seus males.

Moitos dos fieis realizan unha peregrinación a pé desde os municipios da Terra Chá e da cidade de Lugo para acudir ás distintas celebracións eucarísticas e á procesión polas inmediacións da capela, onde son frecuentes as ofrendas á nosa Señora.

E non lles importa nada se fai frío, se chove ou se fai calor. Enchen a igrexa de ofrendas e peticións e aqueles máis necesitados e máis devotos non dubidan en dar tres, cinco ou sete voltas arredor da igrexa de xeonllos para que a virxe remate coas súas doenzas ou as súas penas. “É unha multitude de xente a que ben. Moi devota, chea de fe. Gardan un silencio fermoso”, indica o pai Ángel, o cura párroco de Saavedra.

Lendas e miragres

Este santuario, como moitos da nosa Galicia rural, tamén conserva diversas lendas e milagres. Unha delas narra como a Virxe evitou que os franceses en 1809, entrasen cos seus cabalos no templo e profanalo, aínda que estes tentárono varias veces.

Unha romeira dando voltas á Igrexa de Saavedra de xeonllos para cumprir unha promesa á Virxe dos Miragres / Óscar Dacosta

Unha romeira dando voltas á Igrexa de Saavedra de xeonllos para cumprir unha promesa á Virxe dos Miragres / Óscar Dacosta

Outra conta que o criado do señor de Vilaguisada saíu unha noite a beber cuns coñecidos que mataron o criado e deixárono diante da porta do seu amo. A xustiza considerou que o autor do crime fora o propio amo e detivérono aínda que o señor con insistencia negaba a súa culpabilidade. Antes de ser xulgado, pediu rezarlle á Virxe, acto que lle foi concedido. No camiño, diante dun lugar chamado Fontetián onde había unha fonte ligada ao culto da Virxe, pediulle aos gardas que lle deixasen beber dela; ao probar a auga as cadeas do reo abríronse. Os gardas volveron porllas e levárono ao santuario.

Alí ao rezar as primeiras oracións, as cadeas volveron soltarse, caendo ao chan, quedando así demostrada a súa inocencia. Este home está hoxe enterrado no lado esquerdo do altar, e mesmo din que no seu enterro, a comitiva cubría unha distancia de tres quilómetros.

Outra lenda, que relata o cura Ángel , ten que ver cunha casa chamada Pozo, preto do santuario, na que houbo un incendio nunha palleira situada moi preto da vivenda familiar. As chamas eran tan considerables que ameazaban con propagarse e esnaquizar a colleita daquel ano. Un membro da familia acudiu á reitoral, rogándolle ao párroco que lle deixase levar a imaxe da Virxe á súa casa e unha vez a imaxe chegou ao lugar do incendio, o vento cambiou de dirección, de maneira que o perigo de propagación cesou.

Son esas historias, esas lendas que van máis alá do catolicismo e que fan que Galicia manteña aínda viva a chama da súa espiritualidade oculta durante milleiros de anos tal e como recolle este vídeo de Óscar Dacosta para Historia de Galicia.

Pode que che interese...