Veciñas de Vimianzo vestidas con traxes medievais na festa irmandiña do Asalto ao Castelo / asaltaaocastelo.org
Veciñas de Vimianzo vestidas con traxes medievais na festa irmandiña do Asalto ao Castelo / asaltaaocastelo.org

Vimianzo xa se prepara para a súa festa irmandiña

Tempo de lectura: 1 min.

Vimianzo vive a semana grande do Asalto ao Castelo, que se celebra este sábado 2 de xullo. Pero a animación comeza xa este martes, coa celebración da novena edición dos Pinchos Irmandiños, un curioso certame gastronómico no que se preparan petiscos nos que non pode haber ingredientes posteriores ao descubrimento de América.

Todo isto enmárcase no ambiente do século XV, que leva á vila soneirá ao momento da Gran Guerra Irmandiña. Nesta ocasión poderanse degustar até dezaoito tapas diferentes en cada local hostaleiro participante. Sírvense desde o martes 28 de xuño ao sábado 2 de xullo, en horario mínimo de 12:00h a 15:00h e de 19:00h a 23:00h. As tapas de suxerente nome pódense consultar na web www.asaltoaocastelo.org.

Por outra banda, a organización do Asalto quere premiar o traballo da veciñanza que cada ano traslada a vila ao século XV, cando os irmandiños prepararon a guerra contra o sistema feudal que inspirou esta celebración. Por iso daranse varios premios, tanto para os mellores vestidos e traxes como para as fachadas máis singulares, diferenciando este ano os comercios e locais non hostaleiros das vivendas particulares.

IV Concurso de Fachadas

Alén da propia decoración medieval das rúas que prepara a organización, e a dos bares que participan nos pinchos irmandiños, a organización chama á colaboración dos vimianceses para decorar as fachadas e locais.

Na convocatoria do IV Concurso de fachadas, vista a demanda de anos anteriores, premiaranse por unha parte as vivendas e por outra os comercios engalanados. As fachadas deberán estar engalanadas, como mínimo, venres 1 e sábado 2 de xullo. Recoméndase que as fachadas luzan decoradas durante toda a semana da festa.

Durante toda a fin de semana tamén haberá diferentes actos e diversos concertos, entre eles, os de Ses, Celtas Cortos, Firkin e Spin te Kú.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: