fbpx
Visita nocturna á Pedra da Loba, unha nova laxe con motivos naturalistas descuberta en Compostela / A Rula

Aparece a primeira gran laxe de arte naturalista en Compostela

Tempo de lectura: 11 min.

Artigo do Colectivo A Rula

No Colectivo A Rula tiñamos sospeitas de que máis tarde ou máis cedo aparecerían no termo municipal de Compostela máis representacións de tipo naturalista pero non imaxinábamos que tivese estas dimensións e relevancia. De feito, no seu día escollimos como logo da nosa pequena comunidade o único zoomorfo localizado ate ese intre nas terras de Compostela -un pequeno cervo situado na paraxe de Pinal no linde co Concello de Ames- como unha arela e premonición de novas descubertas.

O Colectivo organizouse co obxecto de reivindicar a importancia da área de Compostela como un importante foco de arte rupestre, xa que fora relegado históricamente pola maioría dos investigadores a un segundo plano. Mais cada vez faise evidente, tanto polo número de achados localizados (a maioria nos termos municipais de Ames, Teo e Compostela) como pola longa tradición de estudos realizados na nosa comarca, que a arte rupestre de Compostela merece unha maior atención. Malia todo, é certo que o número relativamente escaso de estacións con motivos naturalistas en comparación con outras zonas semellaba avaliar esta antiga visión que os achados dos últimos anos están a cambiar.

Esta pequena entrada supón só unha primeira achega ó Petróglifo dos Cortellos 3, conscientes de que serán precisos novos estudos máis polo miudo e unha posible intervención arqueolóxica.

A Pedra da Loba (Cortellos 3) constitúe, ó noso entender, unha nova mostra do importante patrimonio arqueolóxico da Portela de Villestro pero tamén un xacemento excepcional tanto pola gran cantidade de zoomorfos representados, nunha zona onde os gravados de tipo naturalista son escasos, como pola presenza de escenas de equitación dentro do mesmo panel, xa que xunto coa laxe de Río Angueira 2 en Cornide (Teo) serían as dúas únicas estacións con este tipo de representacións.

Situación e descrición do conxunto

A laxe atópase na parte alta do monte de San Miguel[1], a escasos metros da paraxe da Devesa da Rula onde se sitúan a maioría dos gravados da zona.

Desde o lugar de Os Cortellos, ó descender uns metros ó antigo camiño de volta ó val reparamos hai algún tempo nun afloramento de grandes dimensións onde localizaramos un pequeno círculo con coviña central situado nun penedo ó pé mesmo do sendeiro. Subidos ó con chamounos a atención unha laxe plana e alongada con bastante inclinación que seguía a liña de caída natural da ladeira ubicada a escasos cinco metros ó Sur.

Situación da Pedra da Loba / A Rula

Situación da Pedra da Loba / A Rula

Esta laxe, bautizada como Pedra da Loba ou Os Cortellos 3, sitúase no medio dun pequeno cavorco na vertente da valgada que descende ó val do río Roxos. Este espazo forma un pequeno anfiteatro natural en forma de media lúa situado baixo un eucaliptal polo que a dificultade de visualización dos gravados acentúase. Ó elevar a vista cara o sur, divísase ó lonxe o teito do veciño Concello de Teo, o Alto da Grela, e a súa dereita os cumes do Castelo Redondo e o Meda xa en Padrón[2].

A laxe atopábase parcialmente cuberta pola vexetación, ó retirar as ramas e follas da parte inferior localizamos o primeiro, e quizáis, o máis singular de todos os cervos pola súa atípica cornamenta circular. Sucesivas visitas a distintas horas do día e a contemplación ó solpor con luces artificiais permitíronos ver con maior precisión a gran cantidade dos motivos que conserva o petróglifo.

A rocha ten unhas dimensións de 6,30 m de longo por 3,10 metros de ancho na súa parte central (a máis ancha) e a súa superficie fica dividida tanto vertical como transversalmente por varias diáclases naturais. Está orientada ó SE e na súa inclinación N/S segue a forma da pendente do terreo circundante. Non obstante, temos que salientar que é moi probable que a laxe continúe tanto pola parte superior como polos laterais baixo o talude de terra vexetal que a cobre, polo que estes datos serían só indicativos. De feito, alomenos un dos zoomorfos situado no lateral esquerdo da pedra está parcialmente soterrado. Neste senso, agardemos que o traballo futuro dos arqueólogos nos permita contemplar a totalidade da superficie da laxe que probablemente inclúa un número maior de gravados.

Como acontece co resto de petróglifos do Monte San Miguel e Ventosa, o soporte empregado é o tradicional granito fino de dúas micas, moi apreciado tamén polos canteiros como se desprende da multitude de evidencias da intensa actividade extractiva na zona.

En canto ao estado de conservación dos motivos podemos sinalar que é en liñas xerais aceptable. Resulta significativo o diferente grao de erosión existente entre os motivos do sector superior da composición e os de zonas inferiores, se ben cómpre indicar que, máis que responder a unha diferenza cronolóxica parecen responder a unha maior exposición ós axentes erosivos dos elementos gravados na parte superior da laxe.[3]

Lamentablemente son tamén evidentes os danos provocados polo lume en varios sectores da peneda. A fragmentación da capa superficial da rocha (termoclastia) nalgunhas zonas e incluso a perda de fragmentos en varios motivos insculturados volven a pór de manifesto a necesidade das reclamacións feitas polo Colectivo diante das administracións públicas competentes (Concello de Santiago e Dirección Xeral de Patrimonio) para que adopten medidas preventivas urxentes como a catalogación e a limpeza desta área arqueolóxica que garantan a conservación deste valioso patrimonio. Pola nosa parte, seguiremos a divulgar a existencia entre a veciñanza destes gravados pois consideremos que é o mellor xeito que temos para protexelos.

Motivos zoomorfos da Pedra da Loba / A Rula

Motivos zoomorfos da Pedra da Loba / A Rula

Descrición

O repertorio iconográfico da Pedra da Loba inclúe maioritariamente motivos naturalistas pero tamén se constata a presenza de algúns deseños xeométricos.

A erosión dos gravados dificulta unha boa lectura polo que foi preciso empregar a iluminación rasante artificial e recurrir á fotogrametría dixital para poder rexistralos correctamente, algúns deles só conservados de xeito parcial.

Os motivos xeométricos

O elenco de gravados xeométricos fórmano media ducia de coviñas de pequeno tamaño (2-3 cm de diámetro) distribuidas por toda a laxe e unha pequena combinación circular de dous aneis e coviña central (de 18 cm de diametro) moi erosionada situada no sector central esquerdo da peneda.

A existencia destes pequenos elementos xeométricos resulta interesante para entender a posible contemporaneidade de ambos grupos de deseños pois semella que tanto a técnica, conservación e o aspecto formal dos gravados son similares. De igual xeito, permite estudar posibles relacións estilísticas cos deseños dos petróglifos situados nas cercanías.

Os motivos naturalistas

Os cervos

Este conxunto de gravados componse de polo menos 19 zoomorfos (cervos e cabalos) distribuídos por toda a superficie de laxe pero concentrados en cinco grupos en función da división do espazo xerado polas diáclases da laxe[4]. O estudo dos deseños mediante o levantamento fotogramétrico permitiunos contemplar restos moi esvaecidos doutros zoomorfos que na actualidade son case imperceptibles e que constatan a posible existencia dunha grea maior de animais.

En xeral todos os zoomorfos presentan certa homoxeneidade en canto o seu estilo e técnica de elaboración. Son deseños moi estilizados, sen chegar á esquematización, elaborados mediante dous trazos cun espazo no interior de reducidas dimensións, conformando corpos moi estreitos e alongados, pequenas colas de trazo simple e colos e cabezas en ocasións moi alongadas e rematadas con dúas pequenas liñas que semellan representar as orellas ou pequenos cornos.

A liña dorsal recta en paralelo á liña ventral no deseño xeral dos zoomorfos leva a algúns investigadores[5] a clasificalos no que denominan “grupo estilizado recto” en oposición ós zoomorfos característicos da zona de Campo Lameiro, Moraña, Cotobade… con deseños máis curvos na composición dos corpos e con colas representadas cunha liña dobre.

Neste senso, os gravados figurativos desta laxe presentan características semellantes ós zoomorfos dos petróglifos da zona do Barbanza e Muros – Noia pero tamén á outra gran laxe con motivos naturalistas da comarca compostelán, a Pedra Bicuda de Loureiro (Luou – Teo). A técnica de gravado empregada (dobre suco), as características no deseño xeral e tamaño dos motivos evidencian o gran parentesco formal entre ambos petróglifos aínda que a disposición xeral dos motivos sexa diferente.

A pesar destas características comúns no deseño dos gravados, hai neste panel detalles especialmente singulares que merecen que lles prestemos unha maior atención.

En primeiro lugar, só un dos cérvidos aparece cunha pronunciada cornamenta. Este “gran” cervo macho preside a zona central e inferior do panel. Un exemplar de pequeno tamaño, 32 cm de largo, pero que presenta unha curiosa cornamenta de forma case circular de 19 cm de ancho con sete puntas en cada hastado orientadas cara o interior do círculo, unidas entre si e en sentido transversal ás hastas de liñas curvas. Só atopamos certas similitudes con este tipo de cornamentas circulares presentes en varios cervos de pequeno tamaño coas puntas das dúas cornas unidas no interesante petróglifo da Cova da Bruxa do Concello de Muros.[6]

Outra das características dos gravados é a súa disposición formando pequenos grupos tanto na parte central do panel como na parte superior aproveitando os marcos espaciais dispoñibles entre as diáclases.

Na zona inmediatamente superior o cervo macho, que ocupa tamén un lugar central, consérvase un dos elementos máis plásticos desta laxe, tres posibles cervos de diferentes tamaños ordenados en liña practicamente unidos que semellan ascender polo panel. A cabeza do primeiro cervo figura apoiada no lombo do cervo seguinte e o mesmo acontece co que vén a continuación, deseñando unha singular escenografía. Un dos moitos exemplos comparables conservados na nosa arte rupestre é o xa clásico da laxe V do Monte Ardegán en Moraña.

No primeiro cervo chama a atención que o corpo figure composto por tres trazos que mesmo semellan reproducir non só o corpo senón tamén os cuartos traseiros e dianteiros do animal. Mais isto tampouco é algo excepcional na arte rupestre galega e deseños semellantes figuran noutros petróglifos como nun dos cervos do Coto da Siribela e noutros xacementos de Campo Lameiro. Os outros dous cervos posúen as dúas patas dianteiras en arco acentuando a sensación de movemento dos animais.

Na parte superior da laxe destacan varios cervos moi estilizados, algúns deles incompletos. Un dos máis curiosos conta con 6 pequenos trazos que representan as extremidades. Nesta parte do panel destaca unha parella de posibles cervos de longa cabeza e pequenas orellas ou cornos que fican en paralelo un sobre o outro. Situado na parte superior, o animal de menor tamaño (probablemente cun xinete no seu lombo) ten as patas e a cabeza apoiadas sobre o cervo situado debaixo. Unha escena similar figura no extremo superior esquerdo da laxe aínda que o seu estado de conservación é peor. Unha curiosa representación (unha posible cópula, unha doma?) que nos lembran outras composicións semellantes na Laxe das Lebres na Caeira (Poio) ou na estación da Quinta da Barreira en Valença do Minho.IMG-20160702-WA0006

Representación dun cabalo na Pedra da Loba / A Rula

Representación dun cabalo na Pedra da Loba / A Rula

Os cabalos e os homes

Ademais dos cérvidos outras das características deste gran panel é a presenza de varios cabalos, polo menos dous deles con xinetes. Son facilmente identificables por unha característica común na arte rupestre galega, ás súas longas colas.

É precisamente un destes cabaleiros o que abre outro destes grupiños de zoomorfos formando case un círculo na parte central dereita da composición, ofrecendo a sensación no espectador de que o cabaleiro persigue os outros dos animais.

A representación do xinete é moi simple, trázase o contorno dous sucos verticais e dúas pequenas liñas que representarían as extremidades superiores (non figuran as inferiores). A composición xeral destes cabalos tamén é sinxela pero non exenta de detalles como amosa a representación do falo, o arqueo das patas dianteiras e as pequenas orellas do équido. É unha mágoa que a mala conservación dun dos cabalos situado na parte superior esquerda do panel, moi erosionado debido os danos provocados polo lume, non permita asegurar con total certeza a presenza, máis que probable, deste segundo xinete.

Outro feito destacable é a “posible” monta sobre dous cervos (cabalos?) na parte superior da laxe, só unha hipótese porque a forte erosión destes motivos dificulta a súa lectura e rexistro.

As escenas de equitación relativamente frecuentes no grupo galaico da arte rupestre son, así e todo, puntuais na nosa comarca. A outra laxe da bisbarra con este tipo de escenas atópase na paraxe do Río Angueira no Concello de Teo. Porén, os gravados da laxe teense son, en xeral, máis esquemáticos e presentan trazos formais distintos.

Todos os zoomorfos do panel manteñen un mesmo patrón de orientación a pesar das diferentes disposicións dos animais no panel, sempre de esquerda a dereita, un posible intento de plasmar a orde natural da marcha da manda. A presenza da figura humana (que causa o caos na grea) pode motivar o deseño dos zoomorfos que ten o seu carón, que ofrecen unha maior sensación de movemento que os cérvidos máis estáticos situados na parte superior da laxe.

Para rematar a descrición dos elementos figurativos sinalar a presenza dun pequeno antropomorfo situado na parte inferior do panel, entre o cervo de cornamenta circular e o grupo de cervos en fila. Con forma de X de liñas curvas e posible representación esquemática de cabeza e falo. Un elemento de gran relevancia na composición que podemos asociar os zoomorfos da parte superior nunha posible representación dunha escena de pastoreo ou caza.

A escenografía

Unha das características máis salientables de este xacemento é que se trata da primeira laxe do concello compostelán no que se evidencia unha clara composición narrativa.

A disposición da laxe en pendente, a súa situación preto da paraxe chamada “Os Cortellos” onde fica unha penedía de grandes dimensións que permitiría o cercado e control do gando nunha zona próxima a vía de acceso natural ás chairas situadas na cima do monte, son factores que avalan a hipótese dunha posible escena de condución dos animais por parte dos xinetes.

A inexistencia de armas ou outros elementos que amosen unha acción violenta fainos pensar que a idea dunha posible escena de caza sexa menos probable.

Fotogrametría cos sucos da Pedra da Moura resaltados manualmente / A Rula

Fotogrametría cos sucos da Pedra da Moura resaltados manualmente / A Rula

Conclusións

A Pedra da Loba supón só o último achado no foco máis importante de arte rupestre da nosa comarca, a zona comprendida entre a Portela de Villestro (Compostela) e os montes do lugar de Ventosa na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

Para nós a aparición desta complexa laxe demostra, unha vez mais, a necesidade urxente de levar a cabo prospeccións intensivas e unha catalogación exhaustiva dos xacementos xa notificados no seu día polo Colectivo.

Non obstante, non é unha descuberta máis para engadir ó catálogo de gravados do grupo galaico senón que debería abrir novas liñas de investigación no eido académico e servir de acicate para que as institucións públicas sexan conscientes da relevancia de protexer e pór en valor esta área arqueolóxica.

A nova descuberta amplía o número de petróglifos con representación de animais na comarca a 6, a Peneda Negra en Ames, Outeiro do Corno, Río de Angueira e Pena Bicuda de Loureiro en Teo e O Pinal 1 e Os Cortellos 3 en Santiago de Compostela. Tamén é xunto co de Río Angueira os dous únicos xacementos con escenas de monta.

Agardemos que o noso traballo non fique esquecido nun recuncho da rede e que permita reactivar o compromiso dos diferentes gobernos municipais e autonómicos na protección e divulgación destas manifestacións artísticas do noso patrimonio cultural e deste xeito evitar que o seu coñecemento non siga restrinxido ó reducido mundo dos estudosos e afeccionados á arqueoloxía. A día de hoxe, resulta lamentabelmente que non exista ningún petróglifo da comarca cunha pequena sinalización que permita e facilite a súa visita na área de Compostela[7].

Desexamos que esta situación mude pronto, e que os traballos que está a realizar na actualidade a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Ames para a posta en valor do petróglifo do Monte Castelo e conservación da Peneda Negra en Ames sexa só un primeiro paso dun longo camiño sen retorno.

De momento nos tentaremos seguir amosando a arte rupestre da Comarca a todos aqueles que o desexen dentro das nosas posibilidades. E así, o pasado sábado 9, aproveitamos a 3ª visita nocturna ós petróglifos da Devesa da Rula para presentar por vez primeira ós participantes a estación obxecto desta entrada. A todos eles grazas por ternos acompañado nese fermoso momento.

Album fotográfico no noso Flickr da Ruta nocturna pola Devesa da Rula 2016

Bibliografía
•Colectivo A Rula: “A Pena Bicuda de Loureiro, arte rupestre no Monte Piquiño”, Entrada no Blog do Colectivo A Rula do 5/02/2016
•Santos Estévez, M.: “Petroglifos y paisaje social en la prehistoria reciente del noroeste de la península Ibérica”. En TAPA: traballos de arqueoloxía e patrimonio, ISSN 1597-5357, Nº 38, 2008, ISBN 978-84-00-08733-2, páx. 13-216
•Soto Barreiro, M.J.:”Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”. Santiago (tese de licenciatura inédita). Universidade de Santiago de Compostela, 1986
•VV,AA.: Fábregas Valcarce, R. ; Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera, J. e de la Peña Santos, A.: “Petróglifo galaico con una representación de tipo Peña TÚ” en Zephyrus: Revista de prehistoria y arqueología. LVII (2004), p. 183-193.
•VV,AA.: Fábregas Valcarce, Ramón; Peña Santos, Antonio de la; Rodríguez Rellán, Carlos. “Río de Angueira 2 (Teo, A Coruña): un conjunto excepcional de escenas de monta”. Revista Gallaecia. Núm. 2011, (30): 29-51
•VV,AA.: Fábregas Valcarce, R.: Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera e J. Rodríguez Rellán, C.: “Entre dos mundos: los grabados al aire libre de Pena Bicula de Loureiro (Teo, Galicia, España)”. Revistas Espacio, Tiempo y Forma. Series I-VII. Espacio, Tiempo y Forma, Serie I, Prehistoria y Arqueología (ISSN: 1131-7698; eISSN: 2340-1354). Facultad de Geografía e Historia. UNED, 2013, p. 173-195
•VV,AA.: “Arte rupestre prehistórica do Eixo Atlántico”. Eixo Atlántico del Noroeste Penínsular. Vigo, 2006

Pode que che interese...