fbpx
VI Asemblea Nacionalista en Monforte de Lemos, en 1922, cos membros das Irmandades da Fala / galipedia

Ciclos sobre prensa, oratoria e prosa das Irmandades da Fala

Tempo de lectura: 3 min.

A Real Academia Galega celebra os vindeiros 7 e 19 de xullo dúas sesións do ciclo organizado co gallo do centenario das Irmandades. As mesas, abertas ao público, celebraranse no Museo do Pobo Galego.

As Irmandades da Fala crían necesario un novo rexurdimento literario, pero a súa estratexia a prol do galego incluíu a súa extensión a todo tipo de contextos cultos nos que ata o momento non tivera cabida ou apenas se cultivara. Da súa man emerxeron así a oratoria, o ensaio ou unha serie de medios de comunicación en galego, parte dos eidos nos que se centrará o ciclo ‘No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, unha das iniciativas’ da Real Academia Galega co gallo do centenario da fundación deste movemento que marcou un antes e un despois na historia de Galicia e do idioma.

As dúas primeiras mesas redondas do ciclo, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, celebraranse en Santiago de Compostela os vindeiros 7 e 19 de xullo, baixo os títulos Oratoria e prosa non ficcional e As Irmandades da Fala e a prensa, respectivamente.

As mesas, de entrada libre, desenvolveranse no Museo do Pobo Galego, coincidindo coa itinerancia en Santiago de Compostela da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, un percorrido pola historia e o legado das Irmandades organizado pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o propio Museo.

O 7 de xullo, a partir das 19.30 horas, a mesa Oratoria e prosa non ficcional contará coas intervencións de Arturo Casas, profesor do Departamento de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela; Teresa López, do Departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña; e Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega. O encontro será moderado polo secretario da RAG, Henrique Monteagudo. Arturo Casas achegará o relatorio As Irmandades e a emerxencia dunha esfera pública: novos actores político-culturais, novas prácticas ensaísticas; Teresa López, Ideas e debates sobre a literatura, no que profundará nos ensaios e outros textos de non ficción sobre a literatura, e Xesús Alonso Montero falará sobre a oratoria en galego, na que as Irmandades puxeron o acento e sen apenas precedentes.

Xosé Manuel Barreiro imparte unha conferencia sobre as Irmandades da Fala dentro dun ciclo organizado pola RAG

Xosé Manuel Barreiro imparte unha conferencia sobre as Irmandades da Fala dentro dun ciclo organizado pola RAG

A prensa e as Irmandades

O 19 de xullo, tamén a partir das 19.30 horas, o programa centrarase na relación entre as Irmandades da Fala e a prensa desde distintas perspectivas. A académica e catedrática da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC Margarita Ledo participará cunha intervención titulada Pensar un modelo de comunicación. A xornalista Carme Vidal analizará o papel das mulleres n’A Nosa Terra e o tamén xornalista Xan Carballa desenvolverá un relatorio titulado A prensa, escaparate das Irmandades.

O ciclo foi inaugurado o pasado 16 de xuño cunha conferencia do historiador e académico Xosé Ramón Barreiro Fernández na sede da RAG, na Coruña. O programa pecharase en decembro tamén na rúa Tabernas, 11 despois de percorrer as principais cidades do país, seguindo a ruta marcada pola itinerancia da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!

En total, celebraranse nove mesas redondas. Catro delas céntranse, ademais de na prosa de non ficción e na oratoria, no teatro, na narrativa e na poesía que cultivaron as Irmandades da Fala, xéneros aos que a RAG lles dedicará cadansúa antoloxía, que serán editadas ao longo de 2016. O eido da ilustración, as iniciativas xornalísticas e editoriais deste movemento, as súas ideas lingüísticas e os seus protagonistas completan o programa, que contará coa participación de máis dunha trintena de expertos e expertas, parte deles membros da Academia.

Pode que che interese...