Unha das imaxes do libro "Peregrinar a Compostela na Idade Media'

Como era o Santiago dos peregrinos da Idade Media?

O historiador Jaime Nuño e o ilustrador Chema Román embarcáronse hai un ano na aventura de idear unha nova publicación en torno ao Camiño de Santiago e as peregrinacións. O resultado do seu traballo leva por título ‘Peregrinar a Compostela na Idade Media’, un libro que se presentou hai uns días na capital galega.

Para recrear aquel ambiente foi necesario un intenso traballo de documentación, no que tomaron como referencia un amplo repertorio de traballos desenvolvidos por distintos autores, así como unha serie de fontes documentais medievais, especialmente aquelas relacionadas con Santiago de Compostela e co seu apóstolo, como a Historia Compostelá ou o Códice Calixtino.

Información que sintetizaron ao longo de 30 capítulos, para profundar na “admirable fortaleza espiritual e física daquelas xentes que se botaban ao camiño e enfrontábanse a linguas e costumes estraños, co único afán de chegar até Santiago de Compostela para cumprir a súa promesa e rezar ante o apóstolo”.

En cada lámina, en cada capítulo, coidouse até o máis mínimo detalle para debullar aspectos como a relixiosidade do home medieval, as motivacións do peregrino, os ritos, o aloxamento, a comida, os camiños ou as principais ameazas ás que debían facer fronte os peregrinos. Non faltan tampouco as referencias a outros lugares como Terra Santa ou Roma, que demostran que a peregrinación é un fenómeno universal.

Unha das imaxes do libro "Peregrinar a Compostela na Idade Media'

Unha das imaxes do libro “Peregrinar a Compostela na Idade Media’

“Contexto espiritual”

“A peregrinación é unha das poucas actividades que o home actual comparte co da Idade Media”, explicaba Jaime Nuño, durante esta presentación. “Os peregrinos de hoxe andan os mesmos camiños que os de outrora, pero as diferenzas entre uns e outras viaxes son abismais”, engadía.

“Neste libro, tratamos de abordar o contexto espiritual que empuxou a miles de persoas a converterse en viaxeiros de fe, o proceso, as axudas e perigos que asumían”, continuaba o historiador, para concretar que “quixemos contar como podía ser o seu camiño, o seu cotidianeidade, o ambiente na cidade de destino, as características da catedral románica de Compostela ou os ritos que o peregrino debía seguir antes de regresar ao seu fogar”.

O libro xa está á venda en librarías, tendas especializadas e na tenda en liña do portal www.romanicodigital.com ao prezo de 22 euros.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: