fbpx
Típica paisaxe da costa norte de Galicia / nonsi.com

Crease o primeiro grao interuniversitario de Galicia especializado en paisaxe

Tempo de lectura: 2 min.

Os reitores das Universidades de Santiago e da Coruña, asinaron o acordo de intencións para a posta en marcha do primeiro grao interuniversitario de Galicia, o grao en Paisaxe, cuxo contido tamén é pioneiro a nivel estatal. O Goberno galego apoiou a posta en marcha do primeiro grao interuniversitario de Galicia, o grao de Paisaxe, que foi presentado este luns nun acto no que interviñeron os reitores, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato.

Será o primeiro Grao especializado en paisaxe no sistema público español. O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, sinalou que con este acordo de colaboración entre universidades supón “un importante salto cualitativo” no deseño da universidade do futuro en Galicia, que pasa por aproveitar as sinerxías a través da cooperación, da coordinación e da unión, como xa xe vén facendo noutros eidos como o da docencia clínica do grao de Medicina, ou o futuro Consorcio Interuniversitario.

Con este Grao en Paisaxe, se avanza no novo mapa de titulacións únicas, singulares e adaptadas á evolución do tecido económico e social de Galicia e á especialización dos campus. Román Rodríguez subliñou que se trata dunha titulación “perfectamente integrada na nosa realidade” que abrangue unha formación multidisciplinar (biolóxica, paisaxística, de ordenación do territorio, debuxo artístico, botánica,…) que, sen dúbida, contribuirá a poñer en valor as potencialidades da paisaxe galega e, por ende, incidir na mellora da calidade de vida e dun mellor desenvolvemento económico e social.

Trámites

Un total de sete departamentos da Escola Técnica Superior de Arquitectura (UDC), da Escola Politécnica Superior (USC) e da Facultade de Xeografía e Historia (USC), están traballando xa nos pasos necesarios para facer realidade a impartición deste título de grao, que se prevé que se poderá ofertar no curso 18-19.

O acordo asinado deberá ser ratificado polas xuntas de goberno das respectivas universidades, que é o primeiro paso para a creación de calquera grao universitario. Unha comisión académica paritaria elaborará a memoria do título e, tras pasar polos procedementos habituais de cada universidade, será sometido a informe da Secretaría Xeral de Universidades.

Pode que che interese...