fbpx
Un avión alemán de recoñecemento nas costas galegas durante a II Guerra Mundial

De cando os pesqueiros galegos foron obxectivo militar

Tempo de lectura: 3 min.

En 1943, a frota pesqueira galega converteuse en obxectivo militar para as potencias aliadas e ditouse a orde de afundir arrastreiros para evitar que actuasen como espías do III Reich. Mentres libraban a Batalla do Atlántico, entre os submarinos do almirante Doenitz e os medios aeronavais aliados, os pescadores galegos convertéronse en vítimas inocentes.

Documentación feita pública pola Royal Navy británica, xunto á Armada Canadense, segundo recolle Rafael Lema en El Ideal Gallego, confirma os ataques. Polo menos dez buques foron bombardeados e afundidos durante a II Guerra Mundial. A finais de 1942 avións da Real Forza Aérea británica (RAF) sobrevoaban a costa galega, ciscando pasquíns sobre os portos. Nos panfletos, advertíase aos mariñeiros que non sacaran os seus pesqueiros á mar aberto, pois todo o litoral considerábase zona de guerra. Nos papeis ameazantes relatábase que o Atlántico e o Cantábrico convertéronse no escenario da batalla entre os aliados e os submarinos nazis. Ninguén estaría a salvo navegando nesas augas. E falábase de feridos en alta mar, baixas de pesqueiros, noticias silenciadas.

Polos arquivos militares de Inglaterra e de Canadá coñecemos a operación que realizou o destrutor canadense Iroquois en xullo de 1943, na que foron afundidos varios pesqueiros. O Iroquois, acompañado polo seu barco xemelgo Athabaskan, e o destrutor polaco Orkan, patrulla o Atlántico fronte a Galicia en busca de submarinos alemáns.

Tres barcos afundidos nun día

O 21 de xullo, o capitán do destrutor canadense escribe no seu diario: O Iroquois ve a un barco pesqueiro español cara ao leste, de nome Manolo, da Coruña, e, seguindo as instrucións de afundilo, facémolo, despois de embarcar á súa tripulación de catorce homes. Á mañá seguinte, o Iroquois detecta a outro pesqueiro galego. É o Isolina, ao que envía a canonazos ao fondo do mar. Un terceiro barco, o Viveiro, afúndese vítima dos obuses do destrutor polaco Orkan. Estes barcos, explicaría o capitán do Iroquois, foron afundidos nunha área que fora prohibida para eles polo Almirantazgo varios meses antes, porque había boas razóns para crer que estarían menos interesados na pesca que na máis probable ocupación da espionaxe.

O destructor polaco ORP ORKAN G-90, que afundiu varios barcos pesqueiros, tamén sería destruído polos nazis en outubro de 1943

O destructor polaco ORP ORKAN G-90, que afundiu varios barcos pesqueiros, tamén sería destruído polos nazis en outubro de 1943

A Armada canadense xustifica que, nos últimos meses, os pesqueiros galegos penetraban en mar aberto, desatendendo as ordes que figuraban nos panfletos que os avións arroxaran. Segundo os arquivos de Canadá, a operación do 21 e 22 de xullo de 1943 “foi a primeira que se tomou en contra deles (os pesqueiros galegos) para cumprir as ordes. E esa xornada fatal puido ser peor, porque o capitán do Iroquois termina informando de que avistou a outros moitos, máis de quince pesqueiros, pero non foron molestados porque non estaban nunha posición que prexudicase o éxito da nosa operación.

Máis pesqueiros atacados

Outra escuadra aliada atacou a pesqueiros galegos durante o verán de 1943. Neste caso, estaba formada por destrutores da Royal Navy británica. Integraban o convoi os buques Kite, “Woodcock”, Woodpecker e Wild Goose, catro destrutores de última xeración, construídos en estaleiros do Reino Unido para facer fronte aos sumergibles de Doenitz e moi coñecidos.

Pero tamén os pesqueiros galegos están no punto de mira. O 22 de xullo de 1943, o Woodcock atopa faenando ao pesqueiro galego Europa 5, matriculado en Vigo. “A área era unha das sinaladas polo Almirantazgo para uso dos neutrais baixo o seu propio risco”, escribe o capitán do buque. Así que se ordena abordar ao arrastreiro e detense aos seus 17 tripulantes, que son embarcados na frota aliada. Instantes despois, o Woodcock”dispara os seus canóns contra o Europa 5 e afúndeo no océano Atlántico.

Nos días seguintes, os avións de patrulla británicos, axudados por torpederos anti submarino Liberator, localizan a outros pesqueiros galegos na súa zona de acción. O capitán do Woodcock ordena a todos os destrutores da zona dirixirse á área de pesca, con ordes de afundir aos barcos.

Publicado por Rafael Lema en El Ideal Gallego

Pode que che interese...