Indicador do Camiño de Inverno / noticiasvaldeorras.com

Denuncian que é a propia Xunta a que dana os Camiños de Santiago

O Foro do Camiño, do que fai parte ADEGA e conformado por 30 organizacións defensoras dos Camiños de Santiago, vén de enviar un informe ao Comité Nacional Español do ICOMOS para denunciar as obras que a Axencia de Turismo de Galicia está a promover nos Camiños Norte e Primitivo de Santiago.

Neste informe, denuncian que, aínda que as obras son de “acondicionamento, recuperación e mellora” das vías medievais, xa alteraron 12 quilómetros da traza histórica nunha primeira fase. Turismo ten previsto continuar ao longo de toda a senda durante os vindeiros meses, unhas obras que para o Foro “atentan contra a fisonomía tradicional dos vellos camiños históricos de peregrinaxe que acolle tanto o contido físico e tanxible dos Camiños de Santiago, como o seu carácter espiritual, simbólico, histórico e cultural”.

As obras que o pasado 13 de xullo a Axencia de Turismo sacou a concurso xunto coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural prevén a realización de explanadas, novos firmes, apertura de cunetas e taxeas, estabilización con zahorra e cemento, alteración do nivel de rasante do chan, retirada de pedras de muros laterais, consolidación de treitos alternativos, etc. “Este modelo de obra pública propón a construción de sendeiros ex novo que desnaturalizan, transforman, desvinculan do seu contexto as vías históricas e urbanizan os espazos rurais tradicionais cun único obxectivo mercantilista e de promoción turística”, critica Adega e o Foro do Camiño nun comunicado. A isto hai que engadirlle a incorporación dunha profusa sinalización que incrementará o nivel de intervención urbanizadora sobre os itinerarios xacobeos.

Por iso, suliñan que este tipo de actuacións desprezan o valor histórico, cultural, patrimonial e simbólico que constitúen en si mesmas as trazas físicas dos Camiños Norte e Primitivo e vulneran a Lei 3/1996, de protección dos camiños de Santiago, na que se definen estas vías como bens de carácter cultural asociadas a un territorio histórico, e non como traza funcional de tránsito ou de mercadeo turístico-comercial.

Obras realizadas por Turismo de Galicia no Camiño de Santiago que, segundo o Foro do Camiño, poñen en perigo os trazados orixinais / Adega

Obras realizadas por Turismo de Galicia no Camiño de Santiago que, segundo o Foro do Camiño, poñen en perigo os trazados orixinais / Adega

Obras contrarias a ICOMOS-España

Ademais, denuncia que as obras que se pretende executar pola Axencia de Turismo están a contrariar os criterios determinados por ICOMOS-España para a preservación da integridade e do valor cultural e de significación espiritual dos Camiños de Santiago como bens Patrimonio da Humanidade. En 2007 esta entidade internacional emitía un informe para a UNESCO onde determinaba o enfoque que as administracións públicas (incluída a Xunta) deberían adoptar para perservar o carácter dos camiños históricos de peregrinaxe.

“Este Itinerario Cultural de significado universal, como ha sido reconocido por la UNESCO, tiene una especial relevancia para Galicia, donde se encuentra su razón de ser (…). Y como tal, sus autoridades deberían procurar con el mayor esmero la pervivencia de su trazado físico, así como la de los bienes asociados a su existencia (…). Tanto los valores patrimoniales tangibles, es decir, el propio camino físico y los demás bienes muebles e inmuebles que lo conforman, como los intangibles o espirituales, son parte substantiva del Camino de Santiago que deben protegerse y conservarse en toda su autenticidad e integridad si queremos salvaguardar y transmitir la esencia y el significado del Camino…”, recollía ese documento.

É por iso que o Foro do Camiño insta a ICOMOS-España a que apele á responsabiliade da Xunta de Galicia na conservación e protección da esencia da camiñería histórica, que evite a execución das obras pretendidas por Turismo e que informe á UNESCO do que está a suceder nestas dúas rutas Patrimonio da Humanidade.

Sen cartos para os camiños tradicionais

Pese á nomenclatura destes proxectos, o Foro e Adega din que a Xunta de Galicia “non está a dotar un só céntimo” para a verdadeira recuperación dos itinerarios tradicionais de peregrinaxe e do seu territorio histórico, como así lle obriga a lexislación galega dos Camiños de Santiago. “Nas dúas delimitacións oficiais das vías Primitiva e Norte aprobadas pola Consellaría de Cultura consolidáronse todas cantas alteracións e deturpacións das trazas orixinais se foron acumulando ao longo dos últimos 20 anos, como mostra da nula vontade da administración galega de promover accións de recuperación e posta en valor dos treitos usurpados, desviados, cortados, alterados ou modificados en aras do beneficio particular ou turístico-comercial”, critica.

Por iso, consideran especialmente grave que o goberno galego, a través da Axencia de Turismo, intente reforzar a sinalización e consolidar treitos de Camiño definidos “á carta” por concellos e comerciantes, cando aínda está “sub judice” a delimitación oficial, nomeadamente do Camiño Primitivo. “Lembramos que esta delimitación foi recorrida contra a Consellaría de Cultura ante Tribunal Superior de Xustiza de Galicia polo Foro do Camiño, entre outras razóns, por falseamento do itinerario histórico, falta de rigor na demarcación e desprotección do territorio asociado”, engaden.

Estado no que quedan tramos do Camiño de Santiago polas obras realizadas pola Xunta / Adega

Estado no que quedan tramos do Camiño de Santiago polas obras realizadas pola Xunta / Adega

Competencias entre Turismo e Patrimonio

Neste sentido, consideran que nos últimos tempos se está a producir “unha auténtica involución” na protección e preservación dos Camiños de Santiago perpetrada pola Xunta de Galicia. “A parte de aprobar demarcacións oficiais dos camiños que violan a autenticidade da traza histórica e de promover obras e actuacións que nada teñen que ver coa recuperación das vías de peregrinaxe; de xeito enmascarado, está a derivar cara a Axencia de Turismo de Galicia todas as competencias sobre a protección e posta en valor dos Camiños de Santiago que por lei lle corresponen á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á Consellaría de Cultura”, denuncia.

Proba deste opaco transvase de competencias é que se encomendou á Axencia de Turismo de Galicia elaborar o Plan Director e o Plan Estratéxico dos Camiños de Santiago. Estes planeamentos determinarán cal vai ser o modelo de Camiño que se quere para Galicia ata 2021, así como todas aquelas actuacións que se deriven cara a este propósito. “Chama poderosamente a atención que o principal criterio que a Xunta esixe para poder concursar na elaboración dos devanditos planeamentos sexa o de ter coñecementos en promoción turística, obviando competencias en materia cultural, arqueolóxica, histórica, etc”, din.

“Planificar o Camiño baixo un enfoque unicamente turístico e comercial é unha visión mediocre e miope da Administración autonómica que pon en risco a esencia mesma e a supervivencia do carácter cultural e historicista das vías de peregrinaxe e do patrimonio común. Baixo estes desacertado enfoque, estase a promocionar ademais un modelo de peregrino que concibe o Camiño como unha proba deportiva, desapegado de todo interese no patrimonio e tradición do territorio galego e indiferente aos valores tradicionais e culturais ligados ás vías romanas e medievais. De seguir así, é probable que os Camiños de Santiago acaben perdendo a súa razón de ser e, a medio-longo prazo, morrendo de éxito”, conclúen.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: