Tríptico de Van der Wick, onde aparece o escudo de Galicia

O escudo galego na Flandes do século XVI

Tempo de lectura: 4 min.

Artigo de Héitor Picallo Fuentes (http://karrapucho2.blogspot.com.es/)

De Mechelen, ou Malinas, é un deses grandes pintores que durante boa parte da súa vida está ao servizo ben dos nobres ben da casa real, para decorar diversas estancias das súas mansións, para iluminar libros, para subliñar icónica e iconograficamente a figura de determinado prócer. Tal é o caso de Arthur Jan van der Wyck (1477-1557), máis coñecido como Jan van Battel (en alusión ao seu territorio de orixe).

Jan van der Wyck

Especializado na realización de escudos de armas, as primeiras referencias que del temos datan –aproximadamente– de 1504, cando proxecta a decoración do templo de Sainte-Gudule, en Bruxelas. Cinco anos máis tarde, realiza un traballo semellante para a igrexa de Saint-Jacques-sur-Coudenberg, localizada na mesma urbe.

Quizais sexa este un autor non moi recoñecido na historia da arte do renacemento flamengo, cando menos na medida en que se merece. A nós espértanos a curiosidade cando contemplamos un espectacular tríptico que realiza, para a casa do concello de Malinas, sobre o rei Carlos V.

Margarida de Austria

Margarita de Austria

Margarita de Austria

O motivo desta peza, coma outras moitas, ten que ver coa propaganda política que dende a Casa de Habsburgo se intenta estender polos seus dominios. É así que Margarida de Austria –tía de Carlos V– ordena a realización deste fermoso –e non tan famoso– tríptico. Ela, arquiduquesa de Austria, casara co príncipe de Asturias, Xoán de Aragón e Castela, que fora herdeiro do trono dos seus pais (Sabela e Fernando os “Católicos).

Margarida nace en 1480 en Bruxelas e falece en Mechelen (Malinas) no ano 1530. Os seus escudos de armas están representados na Casa do Concello malinés (Stadhuis), que se localiza na Praza Maior (Grote Markt).

Este edificio –construído parcialmente en 1526 polo arquitecto Rombout II Keldermans– nunca chega a ser rematado na súa totalidade até as primeiras décadas do século XX.

Antes de falecer, Margarida deixa como único sucesor ao seu sobriño Carlos, polo que pouco a pouco o poder do soberano faise máis e máis grande.

O Tríptico

Conservado nos museos Municipais de Malinas (Stedelijke Musea), segundo esta institución o tríptico titúlase Karel V tronend te midden van zijn territoriale bezittingen (“O trono de Carlos V, rodeado das súas posesións territoriais”).

Encargado, tal e como dixemos, a Arthur Jan van der Wyck en 1516 e rematado en 1517, a súa función é “decorar” a sala da tesouraría da Casa do Concello. Custa –segundo o Catalogue du Musée, na súa décima edición, 1869– algo así como 20 floríns; mais non debemos esquecer que no momento en se que se executa o proxecto o monarca comeza a administrar os reinos hispánicos por “incapacidade” da súa nai. Isto acordárao Fernando de Aragón, o seu avó materno, nas súas últimas vontade (pronunciadas o 22 de xaneiro de 1516).

Grote Markt

O óleo sobre madeira exponse, hogano, nunha das grandes salas da casa consistorial e conta cunhas dimensións bastante limitadas. O panel central mide 0.88 metros de alto por 0.58 de alto; e os dous laterais 0,90 metros por 0,25. Por conseguinte, de térmolo totalmente aberto, a peza mide 1,38 m de longo, o que o fai non moi grande.

E para subliñar o valor que se merece, non hai moito foi incluída no catálogo de obras mestras do goberno flamengo.

Armerías representadas

No panel central represéntase a un monarca mozo –que aínda non é emperador– sentado nun ornamentado trono con cortinas de ouro. A súa cabeza recóbrese cunha gorra de veludo carmesí, coa man esquerda terma do cetro, coa dereita da espada e atavíase cun traxe real provisto do correspondente manto de armiño. A figura fica rodeada por unha orla circular de brasóns, presidido polo escudo real.

Coas faccións características dos Austrias execútase un rostro de certa finura que harmoniza na desmesura de todo o conxunto.

No panel da esquerda hai representados 21 escudos de armas, no da dereita outros tantos; e no central 22; o que suman 64 brasóns alusivos aos dominios e orixes do monarca.

Debaixo da orla circular existe unha inscrición escrita en francés que fai memoria dos títulos que, até ese momento, posúe Carlos V. Dela despréndese, perfectamente, que o soberano –alén de moitos estados– tamén o é do reino de Galiza:

Detalle do escudo de Galicia nun tríptico de Van der Wick

Detalle do escudo de Galicia nun tríptico de Van der Wick

Inscrición do panel central

Charles par la grace de Dieu, catholisque roy de Castille, de Leon, d’Aragón, des deux Ciciles, de Jerusalem, de Navarre, de Maorque, de Valence, de Galice, de Tolledo, de Seville, de Granade, de Sardene (…), Archiduc d’Austriche, duc de Bourgougne, de Lothier, de Brabant, de Stirie, de Carintie, de Carniole, de Limbourg, de Lucembourg et de Gueldres, comte de Flandre, de Habsbourg, de Friole, d’Artois, de Bourgogne (…)”.

Analizando o panel central, podemos ver que o escudo que preside todo o conxunto é o propio do soberano. Nos vértices superior dereito e esquerdo (do observador) contémplanse os de Austria e Aragón; nos vértices inferiores, os de Borgoña e Castela e León. Na orla circular (como dixemos presidida polo escudo de Carlos V), e en sentido horario, están presentes os seguintes territorios e reinos: León, Dúas Sicilias, Xerusalén, Mallorca, Galiza, Sevilla, Sardeña, Buxía, Biscaia, …, Granada, Toledo, Valencia, Navarra, Nápoles, Aragón e Castela.

O escudo de Galiza, timbrado con coroa real aberta, descríbese deste xeito: en campo de azur, un copón pechado de ouro.

Obsérvase Galiza nun mundo de antano,… Degoramos que isto siga a ser presente: historia e realidade; respecto ás orixes e coherencia identitaria no universo actual.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: