fbpx
Montes que rodean Monforte / losviajeros.com

Historias de mouras, santos e tesouros nos castros e penedos de Monforte

Tempo de lectura: 3 min.

De Xabier Moure (http://onosopatrimonio.blogspot.com.es)

O sábado, 2 de xullo de 2016, volvemos a Monforte (a última visita produciuse hai quince días). Pola mañá achegámonos ata o Castelo Pequeno, nome que recibe un altorelo que se ergue na parte baixa e chá do Val de Lemos. Nos terzos nor-oeste e sur-leste presenta dúas pequenas elevacións que se erguen sobre dous cavorcos de pouca altura. Pola súa localización (controla o acceso leste a Monforte) e o seu carácter amesetado pode tratarse dun castro ou dunha vixía de adscrición romana ou medieval. En superficie apareceron anacos cerámicos de época medieval. O motivo que nos levou ata o Castelo Pequeno foi o de comprobar, alertados por un veciño, se nos últimos tempos se realizaron movementos de terra que puideron afectar ao xa moi alterado asentamento.

Despois de xantar encamiñámonos ata O Freixo, unha aldea case abandonada (só vive un veciño de forma permanente) situada na parroquia de Ribas Altas, á beira do río Cabe. A elección non foi casual, débese á nosa teima por documentar o primeiro petróglifo do municipio, pretensión, despois de varios intentos, que non conseguimos materializar. Pero, nin moito menos, nos damos por rendidos. Nesta ocasión o noso obxectivo foron varios afloramentos rochosos situados entre os castros do Cornado e da Parte que se atopan a unha distancia, en liña recta, de 1,5 quilómetros aproximadamente. A nosa busca, unha vez máis, resultou infrutuosa.

Pero o noso cometido non rematou aí, os nomes das penas que pisaramos chamáronnos demasidado a atención para dar por finalizada a xornada. Así que, baixo un sol que torraba os miolos, puxémonos a buscar información entre os veciños da zona. A verdade é que non quedamos defraudados.

Velaquí o que nos contaron.

A PENA DAS MOURAS

Pena da Moura, en Monforte / Xabier Moure

Pena da Moura, en Monforte / Xabier Moure

Atópanse por riba dun antigo camiño que comunicaba as parroquias de Ribas Altas e A Parte. Ademais de para outros cometidos utilizábase (algúns veciños aínda o usan) para asistir á concorrida romaría que o día 21 de setembro se celebra na honra do San Mateo. Sobre algunhas rochas do chan aínda se poden ver as rodeiras que os carros gravaron ao longo dos séculos. O nome do afloramento débese a que alí vivían unhas fermosas mouras que custodiaban un tesouro fabuloso. Baixo dunha das penas hai un pequeno acubillo onde se gorecían os nenos cando ían co gando.

O PENEDO DO SAN ROQUE

Situado no mesmo cordal montañoso, a uns 750 metros en liña recta da Pena das Mouras. Leva o nome porque alí houbo unha capela posta baixo o padroado deste santo. Ao parecer, a principios dos anos sesenta do pasado século XX aínda quedaban algúns restos, hoxe en día desaparecidos. Cóntase que o motivo que levou aos veciños a erguer a ermida foi porque no lugar apareceu unha imaxe deste santo. Para darlle o acubillo que se merecía ao protector contra a peste e outro tipo de andazos, leváronno para a igrexa da Parte, mais uns corvos, por indicación do propio santo, volvían a repoñer a talla no sitio onde aparecera. Foi entón cando a xente se decatou de que o San Roque desexaba vivir no penedo.

A PENA DOS CORVOS

Está a uns 1.250 metros do Penedo do San Roque, na outra marxe do río Cabe e ao pé do castro do Cornado. Trátase dunhas penas duns vinte metros de alto, cunhas fendas onde se di que vivían os corvos que devolvían a imaxe do San Roque ao lugar onde aparecera.

Se imos á etimoloxía, na súa orixe latina Roque significa “Como unha rocha”, mais a forma medieval rochus quizais sexa unha latinización da forma xermánica bruc/brokc, “choia, corvo”, ou rôque, “aturuxo de guerra”. Curioso.

Castro de Cornade, en Monforte / Xabier Moure

Castro de Cornade, en Monforte / Xabier Moure

A PENA DO OURO

Atópase a uns 150 metros da Pena dos Corvos. Trátase dunha gran pena con forma cúbica que semella foi modelada por man humana. Asegúrase que no seu interior agocha un tesouro. Se non foi destruída é porque sábese que quen ousen fendela sufrirán a ira das mouras que vixían dende o outro lado do Cabe.

OS CASTROS DO CORNADO E DA PARTE

Dise que un túnel comunica os dous asentamentos. Cóntase que dunha antiga canteira que hai preto do castro da Parte sacaron as pedras que serviron para construír os Escolapios. Unha persoa asegurounos que viu pedras que estaban pintadas.

Pode que che interese...